Ames aborda co Agader a situación da concentración parcelaria da zona Biduído II-Bugallido II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+
O alcalde de Ames na reunión co director xeral de Agader

O alcalde de Ames na reunión co director xeral de Agader

O alcalde de Ames, Santiago Amor, vén de manter unha reunión co director xeral de Agader, Antonio Crespo, na que analizaron a situación da concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II. O rexedor amiense subliña que o director xeral de Agader avanzoulle que “o procedemento administrativo da concentración parcelaria está encamiñado para que no primeiro semestre de 2014 se poida proceder ao trámite de notario e de rexistro dos títulos”.

Este é o segundo encontro que manteñen Santiago Amor e Antonio Crespo nos últimos meses, logo da reunión mantida o pasado 26 de xuño en San Caetano. Na reunión celebrada a pasada semana na sede da Agader, o rexedor amiense tamén lle fixo chegar ao director xeral a solicitude de masas comúns de interese municipal.

O rexedor destacou a importancia dos asuntos abordados nesta última reunión e “a confirmación de que se están dando os pasos necesarios para rematar unha concentración parcelaria iniciada no ano 1991”. Deste xeito, recalcou que a previsión é que no primeiro semestre de 2014 se poida proceder aos trámites de notario e rexistro e que a evolución posterior dependerá dos tempos necesarios para o remate de ditos trámites.

A concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II, iniciada no ano 1991, comprende unha superficie de 740 hectáreas, aportadas por 1.537 propietarios en 16.733 parcelas.

6 de novembro de 2013 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.