Alumnos do IES de Ortigueira participaron no “Programa de inmersión lingüística” en Cáceres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOrtigueira
A-
A+

Un total de 25 alumnos/ás do IES de Ortigueira participaron durante toda a semana pasada en Romangordo (Cáceres) no “Programa de Inmersión Lingüística de outono” que impulsa o Ministerio de Educación e Cultura. O proxecto didáctico presentado polo instituto local foi un dos seleccionados en Galicia (unha ducia en centros de secundaria) para beneficiarse da iniciativa destinada á aprendizaxe da lingua inglesa.
O programa consiste na asistencia de grupos de estudantes de 2ª de ESO, xunto co seu profesor de inglés e outro profesor acompañante, a distintos centros situados no territorio peninsular, neste caso o Centro de actividades Beira, para participar nun programa de inmersión lingüística en inglés que permita estimular a práctica do idioma e o seu uso en contextos comunicativos moito máis amplos que os que permite o ámbito escolar.

O alumnado de Ortigueira conviviu durante unha semana con outro grupo procedente de Xerez da Fronteira participando, da man dos dinamizadores ecoturísticos de Romangordo en colonias nas que se traballarán prioritariamente os aspectos orais da aprendizaxe da lingua inglesa, a través de propostas lúdicas e deportivas.

Finalmente, na iniciativa, totalmente gratuíta para o alumnado ortegano, desenvolvéronse diversas excursións (ao Parque Nacional de Monfragüe, entre outras) e actividades relacionadas co desenvolvemento sostible, utilizando a lingua estranxeira como vehículo de comunicación, e favoreceuse o uso das TIC, xa que os propios alumnos/ás foron completando un blog coas imaxes e os resultados das actividades realizadas.

5 de novembro de 2013 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.