Allariz apoia á poboación filipina tras o paso do tifón Haiyán
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e o Concello de Allariz como parte del, tomou senllas medidas de apoio á poboación filipina tras o paso do devastador tifón Haiyán: unha doazón directa de 10.000 euros a Acnur e a apertura dunha conta de emerxencia para a reconstrución.
Entre o pasado 8 e 9 de novembro Filipinas foi severamente agredida polo supertifón Haiyan. A Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU estima o número de falecidos en 10.000 e en millóns o número de persoas afectadas de xeito directo.
Diante desta situación, o Fondo Galego reunido en Asemblea o pasado 14 de novembro, tomou a decisión de realizar unha doazón inmediata a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) por valor de 10.000€, e abre unha conta de emerxencia (2091.0209.10.3040019000 de Caixa Galicia) na que os fondos recadados serán destinados a financiar proxectos de reconstrución na zona unha vez superada a situación de emerxencia e cando, previsiblemente, a desatención informativa agrave a vulnerabilidade das vítimas.











