Afeccións no tráfico por obras nas rúas da Coruña
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Mobilidade que dirixe Begoña Freire, informa das seguintes afeccións de tráfico:
– Con motivo das obras de construción da Terceira Rolda, mañá, sábado 23 de novembro, dende as 23.35 horas ata o domingo 24 ás 17.00 horas, será necesario o corte da glorieta de Pocomaco, manténdose todos os movementos de tráfico (desvío por camiño auxiliar con sinais de obra), agás o acceso ao polígono. O acceso ao polígono realizarase pola CP-512, Mesoiro, e 6ª avenida (á altura da cervexaría Sampaio). Así mesmo, produciranse dous cortes totais (progresivos) cunha duración estimada de entre 5 e 10 minutos para o posicionamento de vigas. O primeiro corte total será o sábado entre as 23.35 e as 23.45 horas e o segundo corte, entre as 03.00 e as 04.00 do domingo. (ACHÉGASE PLANO).
– Debido á instalación da iluminación do Nadal, mañá, colocaranse as arcadas no viaduto da Rolda de Nelle, entre as 07.00 e as 20.00 horas, sendo necesario o corte total do viaduto dirección Catro Camiños, entre as 07.00 e as 10.00 horas. O tráfico desviarase cara ao cruzamento coa Avenida de Finisterre.
– Con motivo das obras de canalización de gas na Avenida de Arteixo, cortarase o tráfico no acceso á Rolda de Nelle á altura do Pazo da Ópera. A alternativa para acceder á devandita vía será dende a rúa Enrique Dequidt e Pla e Candea, ou ben pola rúa Bolivia e rúa Palomar. As obras prorrogaranse ata o 29 de novembro.











