Adxudícase o contrato de limpeza e mantemento das zonas verdes na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, adxudicou o contrato de limpeza e mantemento das zonas verdes públicas do termo municipal por un importe de 55.250 euros anuais (IVE incluído), o que supón un aforro dun 37% con respecto ao orzamento de licitación. Foron dezaseis as empresas que presentaron ofertas para participar neste procedemento aberto, licitado no pasado mes de agosto.

O contrato ten unha duración máxima de seis anos (catro prorrogables por outros dous máis). Inclúense en total 38 ámbitos cunha superficie conxunta de 86.000 metros cadrados. Trátase, esencialmente, das principais áreas de recreativas e de descanso das parroquias, así como das prazas e parques públicos, os paseos fluviais e os entornos de edificios e instalacións de titularidade municipal.

Os servizos que comprende o contrato serán o continuo mantemento en bo estado, así como o coidado das especies vexetais e, de ser o caso, a reparación dos sistemas de rego automático das áreas verdes públicas.

Axencia de emprego e desenvolvemento local

Tamén se acordou solicitar á Consellería de Traballo e Benestar participar na convocatoria de subvencións para a contratación de axentes de emprego locais, isto é, para cofinanciar os gastos do persoal da Axencia de emprego e desenvolvemento local municipal, servizo a través do que se poñen en marcha diversos programas e actividades relacionadas co fomento do emprego e a inserción laboral, ademais de prestar un asesoramento continuado sobre calquera cuestión en temática de emprego a empresarios, emprendedores, traballadores, persoas desempregadas e veciños en xeral.

En definitiva, os obxectivos da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, que está situada na Casa do Concello, son, por unha parte, informar, orientar e formar aos veciños da Laracha para facilitar a súa integración no mercado laboral promovendo a igualdade de oportunidades e, por outra banda, ofrecer axuda e asesoramento aos empresarios e emprendedores, tanto para informarlles sobre as convocatorias de subvencións ás que poden acollerse como, incluso, tramitar toda a documentación precisa para a posta en marcha dunha nova empresa.

Certificacións de obras e facturas

Na sesión de hoxe aprobouse unha certificación parcial da obra de ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga nas parroquias de Coiro, Lendo e Golmar, así como varias facturas de gastos, entre as que cabe salientar a redacción do proxecto de ampliación da escola infantil da Laracha. O importe total sitúase en torno aos 70.000 euros.

Licencias urbanísticas

Por último, concedéronse dúas licencias de obras maiores e outras sete menores. Entre as maiores inclúese unha correspondente a construción dunha vivenda unifamiliar.

11 de novembro de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.