Actos en Cabanas polo Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero
Con motivo da próxima celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, a Concellería de Servizos Sociais de Cabanas levará a cabo unha serie de actividades enmarcadas dentro da súa programación habitual.
Deste xeito, a sesión programada para mañá, martes 26 de novembro, do programa de Envellecemento Activo, estará dedicada a este tema. A encargada de impartir a sesión será Manuel Vilaboy, pedagoga e educadora familiar especializada en persoas maiores e igualdade. O contido da sesión centrarase na prevención da violencia de xénero nas persoas maiores e buscarase a través da mesma fomentar o empoderamento das mulleres e promover a corresponsabilidade. Esta sesión terá lugar ás 17:30 horas na Escola Laica e a súa participación será libre.
Tamén se realizará unha sesión de contacontos no C.E.I.P. Eladia Mariño. Esta terá lugar o 27 de novembro en horario lectivo e diríxese o alumnado do centro cabanés. Caxoto Contacontos será quen leve a cabo a sesión baixo o título “Contos Vellos, Novos Finais”. A través de contos, cantigas e xogos os nenos e nenas aprenderán a rachar cos estereotipos de xénero que inda hai na sociedade actual. Desta forma, Caxoto Contacontos fará tres sesións nas que se abordará de maneira divertida, emotiva e fantasiosa os beneficios da igualdade e da coeducación.











