Aberto o prazo en Monforte para inscribirse no programa “Xuntos polo Nadal”
A concellería de Benestar Social, dirixida por Pilar López, informa que a Secretaría Xeral de Política Social convoca prazas para acceder ó Programa Xuntos Polo Nadal.
O programa vai dirixido a aquelas persoas maiores que se atopan nunha situación de soidade, ben pola carencia de familiares, perda do seu cónxuxe ou a emancipación dos fillos e fillas.
Este programa desenvolverase nas datas comprendidas entre o 23 de decembro de 2013 e o 2 de xaneiro de 2014, contemplando o aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa durante 11 días (10 noites), que se computarán desde o momento de saída do lugar de orixe ata o momento da saída do centro no que se leva a cabo.
Para ser beneficiario deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
-Ser maior de 65 anos.
-Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
-Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade infecto-contaxiosa activa nin trastornos mentais ou condutuais que poidan alterar a convivencia.
-Non estar acollido en ningún centro residencial.
-Ter que pasar só/a as datas do Nadal.
Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que:
-Realmente vivan soas e non teñan con quen pasar estas datas.
-Teñan un menor nivel de ingresos económicos.
-Non participaran este ano en ningunha quenda do Programa de Benestar en Balnearios, nin en pasadas edicións do Programa Xuntos polo Nadal.
-Teñan máis idade.
As solicitudes deberán presentarse nos servizos sociais comunitarios do concello, sito na rúa Ricardo Quiroga s/n, ata o día 25 de novembro, data na que finaliza o prazo.











