Aberto o período de inscrición para o ‘Obradoiro de iniciación á curtametraxe en galego’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude informa de que, ata o 8 de novembro, estará aberto o prazo para inscribirse no Obradoiro de iniciación á curtametraxe en galego organizado pola Escola Oficial de Idiomas en colaboración co Concello. O taller está dirixido, ademais de aos estudantes da Escola Oficial de Idiomas, a alumnas e alumnos dos centros educativos da cidade de ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

Esta iniciativa inclúese dentro das cinco accións de innovación e dinamización lingüística que promove a Concellaría de Educación dentro do programa educativo Coruña Linguas, que tamén ofrece linguas estranxeiras para todas as etapas educativas.

O taller, que é gratuíto, será desenvolvido polo director, guionista e actor, Omar Rabuñal Varela, durante varias sesións entre o 12 de novembro e o 17 de decembro, dentro da iniciativa que forma parte dun proxecto anual para promover a participación no Festival CinEOI Coruña Curtas 2014 que terá lugar no mes de abril.

O taller, que oferta 20 prazas, supón un achegamento práctico ao proceso de realización dunha curtametraxe, con 15 horas de clases teórico-prácticas onde se fará un percorrido polos procesos necesarios para crear unha peza audiovisual de ficción, abordando temas como a estrutura do guión, a linguaxe audiovisual ou a técnica, para culminar coa gravación dunha curtametraxe que poderá visionar se no Festival CinEOI Coruña Curtas 2014.

Ao igual que na edición do ano pasado, nesta ocasión tamén participarán oito curtos rodados polos escolares de 10 e 11 anos procedentes de dez centros de educación Infantil e Primaria da cidade.

Os asistentes ao taller recibirán unha certificación de asistencia. A inscrición poderá realizarse na dirección de correo electrónico endl.corunha@gmail.com ou entregando o boletín correspondente na conserxaría da Escola de Idiomas.

1 de novembro de 2013 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.