A Xunta Local de Seguridade de Brión constata que é un municipio tranquilo
O alcalde de Brión, Xosé Luís García García, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán Castro, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade de Brión, coa que se reactiva este órgano de xestión conxunta no municipio. Canda eles asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez Castelo; o inspector xefe adxunto do Corpo Nacional da Policía adscrito á Xunta de Galicia, Antonio Riádigos González; o xefe do posto da Garda Civil de Brión, Alberto Mosquera Rodríguez; e os tres representantes do Concello de Brión: o concelleiro Ramón Rodríguez Romarís; o xefe da Policía Local de Brión, Marcos Delgado García; o xefe de Protección Civil e coordinador do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión, Isamel Núñez Picallo; e o secretario do Concello de Brión, Javier Nieves González.
Esta reunión serviu para adaptar a composición e o funcionamento da Xunta Local ao Real Decreto 1087/2010 do Ministerio do Interior polo que se aproba o Regulamento das Xuntas Locais de Seguridade. De acordo con esta norma, acordouse convocar unha nova reunión dentro de seis meses, sempre que non haxa circunstancias excepcionais que aconsellen un adianto da mesma.
Seguridade en Brión
Na reunión realizouse un balance da seguridade en Brión, elaborado polos diferentes corpos de seguridade presentes. O subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, sinalou que “non se aprecia ningún incremento ou variación significativa nas infraccións penais no municipio”. Un punto que celebrou o alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen salientou que “as estatísticas amosan que Brión é un lugar tranquilo e seguro para vivir”.
Uns bos datos que obrigan a seguir traballando na mesma dirección e a buscar a máxima cooperación entre as forzas e corpos de seguridade para seguir incrementando a eficacia na persecución dos delitos. Neste sentido, Jorge Atán quixo deixar especial constancia “da boa colaboración existente entre a Garda Civil de Brión e a Policía Local”.
Por último, informouse da entrada en vigor da nova instrución técnica que regula os espectáculos pirotécnicos e que establece un réxime de comunicacións e autorizacións dependendo da cantidade de explosivos utilizados nestes. Unhas directrices que buscan garantir a seguridade no desenvolvemento destes espectáculos, tanto nas festas veciñais como municipais.











