A Xunta de Goberno da Laracha aproba o plan marco do programa de mellora de camiños municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou aprobar o Plan marco do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do plan PDR Galicia 2007-2013 e que conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Dito programa inclúe unha actuación no Concello da Laracha valorada nuns 100.000 euros e que consiste na completa pavimentación da estrada que comunica a AC-400 cos núcleos de Pereiro, Mantiñán e O Refoxo, todos eles pertencentes á parroquia de Soandres.

O proxecto contempla pavimentación desta vía coa calidade do aglomerado asfáltico en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical, mellorándose, así, a seguridade viaria en toda a súa lonxitude.

Certificacións de obras

Na sesión da Xunta de Goberno Local foron aprobadas dúas certificacións de obras correspondentes aos proxectos de mellora da rede viaria municipal nas parroquias de Cabovilaño, Torás e Caión. O importe conxunto sitúase en torno aos 88.000 euros.

4 de novembro de 2013 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.