A Xunta de Goberno da Laracha adxudicará as axudas á escolarización municipal
O Concello da Laracha ten previsto adxudicar as axudas á escolarización municipais na próxima sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que se celebrará este luns. Será a proposta da comisión de valoración, que durante as últimas semanas analizou e avaliou a totalidade das 699 solicitudes de participación que foron presentadas para beneficiarse desta convocatoria municipal de subvencións, na que o Concello da Laracha inviste este ano a cifra récord de 55.000 euros.
Cabe lembrar que as axudas son compatibles coas becas doutras administracións –Ministerio de Educación e Xunta de Galicia- e van dirixidas a estudantes de calquera nivel, curso ou ciclo que estean empadroados no municipio, desde ensino infantil ata universitarios.
O aumento da cantidade destinada a esta convocatoria permitirá aumentar a dotación económica das becas, que para os alumnos de educación infantil será de 100 euros cada unha, 75 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 150 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 250 euros para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior e 300 euros para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.
Tralo acordo da Xunta de Goberno Local, o Concello da Laracha comunicará a decisión por correo postal a todos os alumnos que sexan becados, informándolles da documentación que deben presentar para percibir a súa axuda. Por tanto, e sempre que se cumprimente ese trámite, o pago aos beneficiarios poderase realizar xa nos primeiros días do mes de decembro.
A finalidade esencial da convocatoria de bolsas de estudos municipais é a concesión de axudas económicas ás familias ou directamente aos alumnos maiores de idade para atender os gastos orixinados polo comezo do curso escolar (material didáctico complementario, vestiario e outros gastos directamente relacionados con el), facilitando, deste xeito, o proceso de formación como un elemento fundamental para o desenvolvemento persoal dos veciños da Laracha.











