A vindeira semana comezan as obras da Praza de Matosinhos e de mellora de centros socioculturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A vindeira semana poranse en marcha en Vilagarcía dúas actuacións incluídas no Plan de Investimentos da Deputación. Trátase da creación dunha Praza na explanada do centro de Formación de Matosinhos e dos traballos de mellora en varios centros socioculturais e casa da cultura do municipio. Ámbolos dous proxectos xa están adxudicados e importe total dos mesmos ascende a 116.600 euros.

As actuacións propostas polo Concello deseñáronse en base aos proxectos realizados polos técnicos municipais e a contratación das obras correu da man do organismo provincial que adxudicou ambas actuacións á construtora Valiñas.

O proxecto de creación dunha praza na explanada dianteira do Centro de Formación de Matosinhos permitirá recuperar un espazo que se atopaba moi deteriorado, aportando unha mellor imaxe ao conxunto. A actuación proxectada na superficie que fai esquina coa Avenida Doutor Tourón combina zonas peonís con zonas para aparcamentos. Deste xeito, ademais de recuperar para uso público o terreo actualmente pechado, tamén contribuirá a ampliar as prazas de estacionamentos públicos na zona.

O proxecto redactado polo Arquitecto Municipal prevé a plantación de especies arbóreas de porte medio e folla perenne ao longo do muro que separa a explanada dunha finca privada, a fin de separar visualmente o espacio público do privado. Dada a diferencia de rasante entre a explanada e o centro, o acceso de peóns ata o patio do centro Formativo salvarase mediante unha escalinata e unha rampla de acceso peoníl que cumpra as condicións de accesibilidade e adaptada ao uso por parte de persoas de mobilidade reducida.

Como solado da zona pública estenderase un pavimento continuo de formigón. A modo de ruptura da continuidade, e como xunta, disporanse franxas de lastro formando cuadrícula no conxunto da praza. Todo elo sobre unha base axeitada ó transito que previsiblemente pode soportar a praza. Nas interseccións de cuadrícula construiranse alcorques para plantar árbores de copa alta que lle dean unha certa humidade e verdor á Praza e que, ao mesmo tempo, delimiten as zonas de aparcamento de vehículos. O proxecto tamén prevé o soterrado das canalizacións de diferentes servizos, adaptación dos sumidoiros ás novas beirarrúas.

O presuposto de adxudicación desta obra ascende a 59.000 euros e o prazo de execución é de 4 meses.

Filtracións e humidades e seis centros socioculturais

O segundo dos proxectos que comezará a executarse nos vindeiros días será o de arranxos e melloras nos centros socioculturais da Torre, Fontecarmoa, Galáns, Sobradelo, Bamio e Faxilde. A principal problemática de todos eles céntrase na resolución de problemas de filtracións e humidades, aínda que tamén se realizarán pequenos arranxos doutros tipos. Con este proxecto preténdense atender as necesidades que presentan moitas das infraestruturas da rede cultural municipal, tal como a reparación de deficiencias, melloras e tarefas de mantemento para contrarrestar a acción do paso do tempo. A intención do goberno é que os centros culturais se atopen nas mellores condicións posibles para o uso e goce das instalacións por parte das asociacións e colectivos de cada parroquia.

O proxecto conxunto a desenvolver nos centros socioculturais precisa dun investimento de 57,600 euros.

16 de novembro de 2013 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.