A VI edición de Culturgal celebrarase, por cuarto ano consecutivo, na cidade de Pontevedra
Nun escenario privilexiado, co Lérez e a ponte dos Tirantes ao fondo, procedíase esta mañá á presentación da sexta edición de Culturgal, Feirada das Industrias Culturais, que se celebra por 4º ano consecutivo na nosa cidade do 29 de novembro ao 1 de decemebro.
Iniciaba a mesma Víctor López, Presidente de EGANET (Asociación de Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías) destacando a “necesidade de visualizar a actividade das industrias culturais galegas neste espazo de encontro que serve para expoñernos a nós mesmos como sector e ante o público, nunha feira que representa a todos os que traballan no sector cultural galego”. Remarcando o valor social e económico que ten a súa celebración e o carácter activo e intenso que caracteriza á feira, que este ano leva a cabo novas iniciativas como o Premio do Público Culturgal. “Estamos nunha crise económica, pero non de talento”, foi unha das súas rotundas afirmacións antes de dar paso a Xosé Aldea, organizador e coordinador desta edición.
Aldea comentou a necesidade dun esforzo colectivo para levar a cabo este reto, e apelou a corresponsabilidade entre todos os axentes que participan dun xeito ou outro na feira: os gremios, as empresas, os traballadores, os comunicadores, os patrocinadores e mesmo o público que, como novidade, poderá convertirse voluntariamente en micro patrocinador facendo unha aportación por acceder ao Recinto. O replantexamento dos espazos: Espazo Tecnoloxía, Espazo Música, Espazo Libro, Infantil, e a creación dun Espazo Cinema etc foron algunha das novidades desta edición 2013 que abrirá ininterrompidamente e contará cun total de 70 stands de diferentes empresas e institucións.
O Premio do Público Culturgal e outra das novidades destacadas, ao que optan o Festival de Cans, a Asociación puntoGal e o Salón do Libro. Unha decisión democrática e posta nas máns do público que pode votar na web ata o 15 de novembro, e que premiará ao gañador cun espazo na feira para amosar o seu traballo.
Pola súa parte, Jacobo Sútil, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, amosou o apoio da Xunta de Galicia co convencemento de estar ante “un evento necesario para a dinamización da vertente económica da nosa cultura, e que debe seguir a desenvolverse a ritmo do sector ao que presta servizo”. Valorando na decisión de prestar o seu respaldo e participar de esa corresponsabilide aspectos do Culturgal como a construcción dunha oferta de actividades na que se reflicten todas as iniciativas creativas, a súa compoñente aberta, multicultural, interdisciplinaria, participativa e lúdica, factores que fan deste cita unha gran festa da cultura galega e un interesante punto de encontro entre artistas, creadores, profesionais, etc.
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, quixo facer un recoñecemento a todas as persoas implicadas en que este acontecemento saia adiante, ao tempo que agradecía á organización a decisión de manter a nosa cidade como sede deste “proxecto do país que amosa que se están facendo ben as cousas nas industrias culturais e mostra o potencial de Galicia aos nosos concidadáns”. Aproveitou tamén a oportunidade para agradecer públicamente a nominación ao Premio do Público Culturgal que acadou o Salón do Libro e manifestou a ledicia de “competir” con proxectos da calidade do Festival de Cans e a Asociación puntoGal.
Para pechar a rolda, o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, definiu a Feira de Industrias Culturais como “unha cita imprescindible, por se un punto de encontró de diferentes ámbitos da cultura, estar dirixida ao público, garantindo o seu acceso á ela, pero sobre todo estimulando o consumo cultural ao permitir que a cidadanía se achegue de xeito tan directo aos productores de diferentes ámbitos do sector cultural.











