A UDC Naraío organiza o seu tradicional maratón de tute
O equipo de fútbol de Naraío teno xa todo a punto para o IXMaratón de Tute que comezará este sábado ás 16 horas. As mesas, as cadeiras, os tapetes, as barallas e mesmo o marcador están listos desde onte para acoller un encontro arredor dos naipes no que se darán cita un máximo de 80 parellas. Hai 3.000 “puntos” en premios e aínda quedan algunhas prazas por cubrir. Quen queira apuntarse deberá chamar o venres como moi tarde ao 981 490 302 ou ao 699 228 227. A inscrición custa 60 euros por parella coa cea incluída.
Este maratón de tute é un dos máis concorridos de toda a volta e tamén un dos que aínda se mantén despois de case unha década de celebración ininterrompida. Detrás do éxito só hai dous segredos: unha cea abundante e gorentosa e unha organización perfectamente sincronizada que lles garante a todas as parellas xogar, polo menos, 6 partidas en competición máis as que poidan disputar a base de pericia e/ou sorte coa baralla.
Porén, a estes aspectos hai que sumarlle a importancia dos premios. Hai catro para a clasificación xeral: 1.000 “puntos” para a parella campioa, 400 para a segunda clasificada, 300 para a terceira e 150 para a cuarta. Na primeira repesca hai outros catro premios: 300 “puntos” para os primeiros/as, 200 para a parella que quede en segundo posto, 150 para a terceira e 100 para a cuarta. Por último, resérvanse 200 “puntos” para a parella vencedora na segunda repesca e 100 para a segunda clasificada.
A catro días a organización xa confirmara a inscrición de 72 parellas polo que só quedan 8 vacantes para completar o cupo do maratón. Quen queira participar terá que chamar ao 981 490 302 en horario de oficina ou ao 699 228 227 fóra del. Aínda hai tempo para apuntarse, xa que as inscricións se pecharán o venres. Ese día ás 20 h. tamén se celebrará o sorteo para decidir os grupos da primeira eliminatoria.
O IX Maratón de Tute da UDC Naraío celebrarase o sábado no local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol, e as partidas comezarán ás 16 horas.











