A Semana Europea da Calidade premia a Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLugoLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada das áreas de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, foi premiada pola Consellería de Sanidade no marco da Semana Europea da Calidade, con motivo do seu labor a prol da mellora da calidade, a seguridade e a atención ao paciente e ao cidadán. O premio foi entregado no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade pola súa titular, Rocío Mosquera Álvarez, ao xerente de Lugo, Antonio García Quintáns, e demais membros do equipo directivo.

O galardón, que se outorga por vez primeira, acredita os logros conseguidos en relación ás certificacións de calidade obtidas ata o 31 de decembro de 2012. Ademais, foron tamén valorados os obxectivos de seguridade asinados nos acordos de xestión que o Servizo Galego de Saúde acorda cos seus centros.

Certificacións

Así, tal e como destacou a conselleira de Sanidade no acto de entrega do premio, a Estrutura de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte ten certificada a calidade, no que se refire ao Hospital Universitario Lucus Augusti, no servizo de análises clínicas, esterilización, psiquiatría, informática, a xestión medioambiental e o hospital de día oncohometalóxico coa norma 179003 de seguridade de pacientes e xestión de riscos. No Hospital de Monforte, a cociña, os subministros e o laboratorio de urxencias de bioquímica. Polo que atinxe ao Hospital de Burela, ten certificada a calidade na xestión medioambiental de todo o centro, a hostelaría e os subministros.

Difusión de boas prácticas

A Semana Europea da Calidade, que se celebra do 11 ao 17 deste mes, é un foro anual para as campañas de sensibilización do público sobre a importancia da calidade, servindo como punto de encontro de actos de promoción e difusión da calidade por toda Europa. En consecuencia, o obxectivo que se persegue é recoñecer o prestixio daquelas organizacións que están a realizar un importante esforzo para mellorar a súa atención. Por vez primeira, Sanidade está a organizar unha serie de actos que comezaron cunha xornada sobre calidade asistencial e terminan coa entrega do premio aos mellores resultados obtidos no pasado ano en materia de calidade e seguridade dos pacientes por parte da Xerencia de Lugo.

15 de novembro de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.