A reutilización centrará o comezo do programa de educación ambiental monfortino
Mañá martes comezan as actividades do segundo proxecto de educación medio ambiental, deseñado pola concellería e consensuado cos colexios, no que se recollen diferentes actividades a desenvolver nos centros educativos durante o presente curso escolar.
Os días 5, 6, e 8 de novembro foron as datas elixidas para levar a cabo a primeira destas actividades que, baixo o título de “Os tres RRR”, centrarase este ano nun deles, o R da reutilización.
A actividade, dirixida ó alumnado de 4º e 5º de primaria, comprenderá unha parte teórica, outra práctica e outra reflexiva, sendo impartida por sete monitores, todos eles estudantes do campus de Lugo. Consistirá na elaboración de traballos de cestería utilizando papel de periódico e bolsas de plástico, reutilizando así materiais que acostuman a rematar nos colectores de lixo.
Mañá martes día 5 realizarase a actividade nos colexios Ferroviario e CEIP Monforte de Lemos, ás 9:30 e ás 11:30 h. respectivamente, e As Gándaras, ás 15:15 h., mentres que o mércores día 6 será a quenda para Escolapios, ás 10:00 h., e Torre de Lemos, ás 15:30 h. O venres día 8 levarase a cabo a actividade no centro de educación especial Infanta Elena, ás 10:00 h.
Nesta actividade participarán arredor de 300 rapaces e rapazas, uns 50 por cada centro educativo.
Os seguintes obradoiros enmarcados neste proxecto de educación medio ambiental que o Concello pon en marcha por segundo ano, desenvolveranse nos meses de febreiro, marzo e maio e estarán dirixidos a alumnado de primaria e secundaria. En febreiro participarán nun obradoiro sobre o “Punto Limpo”, no mes de marzo as actividades centraranse no “Día da Árbore”, e no mes de maio levarase a cabo un obradoiro sobre o “Cambio Climático”, neste caso dirixido exclusivamente a alumnado de secundaria.
Os obxectivos das actividades propostas pola concellería de Medio Ambiente son:
– Sensibilizar e concienciar ós/ás escolares cara ó medio ambiente
– Desenvolver hábitos de reciclado, redución e reutilización.
– Promover valores de respecto, coidado e protección do medio











