A recuperación e conservación da Serra da Enciña da Lastra contará con medidas específicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Agustín Hernández na visita á Serra da Enciña Lastra

Agustín Hernández na visita á Serra da Enciña Lastra

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou esta mañá o Centro de Interpretación da Serra da Enciña da Lastra, espazo natural onde se levan a cabo diversas actuacións de mellora ambiental, como a recuperación de especies arbóreas autóctonas e a potenciación deste enclave natural de Galicia. Hernández subliñou o dobre obxectivo deste programa: protexer e conservar o medio ambiente e formar e dar una oportunidade laboral a aqueles que máis o necesitan para axudarlles na súa integración social.

Explicou que no caso deste parque natural de Ourense, os traballos realízanse para establecer medidas de prevención de incendios e tamén para a mellora do enclave coa recuperación da vexetación autóctona. Ao meso tempo, destacou Hernández, tamén se potencia o uso público do espazo natural e a revitalización socioeconómica do seu contorno. O importe deste proxecto é de 30.000 euros.

O responsable de Medio Ambiente do Goberno galego lembrou que estas actuacións están enmarcadas dentro da renovación do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación “La Caixa”, un acordo que permitirá executar accións de mellora nos espazos naturais recollidos na Rede Natura 2000, así como outras redes ecolóxicas de protección. Polo que as actuacións indicadas enmárcanse dentro da colaboración asinado entre o Executivo autonómico e a Fundación “La Caixa”, para actuar en distintos parques naturais de Galicia por un importe de 35.000 euros.

O conselleiro sinalou que con este tipo de accións garántese a mellora do estado de conservación do medio e a redución da súa fraxilidade ante posibles agresións externas ás que poida estar sometido. A finalidade é lograr uns sistemas ecoloxicamente máis valiosos e estables no territorio da Comunidade Autónoma galega, reiterou o conselleiro.

A modo de resumo, explicou que noutros puntos de Galicia se están levando a cabo melloras dos espazos fluviais, zonas húmidas e formacións de ribeira, a restauración de áreas degradadas, ou a mellora da conectividade ecolóxica e paisaxística, así como preservación de biodiversidades.

Punto limpo de Vilamartín

Agustín Hernández remarcou outras actuacións do seu departamento a prol do medio ambiente, como o punto limpo de Vilamartín, que esta mesma semana entrou en funcionamento e dará servizo á comarca de Valdeorras.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental achegou máis de 450.000 euros para a execución deste proxecto ambiental, que se sitúa no lugar de Valdegodos e que xestionará a Deputación de Ourense.

Hernández puxo en valor a importancia deste tipo de instalacións, pois o propósito básico dos puntos limpos é o de minimizar as verteduras nos depósitos controlados, especialmente os que poden conter materiais biodegradables ou que poidan ser recuperables mediante a valorización.

Saneamento en Rubiá

Outra das actuacións que a Consellería ten en marcha é o abastecemento e saneamento de varias rúas do Concello de Rubiá, nas que o departamento que dirixe Agustín Hernández inviste case 130.000 euros.

Con esta acción procederase á substitución das redes de saneamento, abastecemento e rego nas rúas Baicela, Pozas, Vieiro e Currais, dado que as actuais conducións están obsoletas e teñen un deficiente funcionamento e conservación. Esta actuación hidráulica implica instalar 1.000 metros de nova tubaxe, case 40 pozos de rexistro, a reposición de máis de 40 tomas existentes e sete arquetas. Destacou que as obras tamén inclúen reposición do pavimento naqueles puntos que se considera necesario.

Por último, o conselleiro trasladou que a previsión de Augas de Galicia é rematar esta actuación no primeiro trimestre do vindeiro ano.

22 de novembro de 2013 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.