A proposta de orzamentos municipais para o 2014 pasa o ditame da comisión de economía sen modificacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A proposta de Presupostos Xerais do Concello de Ferrol para o ano 2014 –que unha vez aprobados serán os terceiros do presente mandato- pasou hoxe o ditame da comisión informativa da área de Economía que preside Alejandro Langtry Caínzos, polo que o Goberno Municipal está a cumprir cos prazos que se fixou para que a Administración municipal dispoña de novas contas en vigor en tempo e forma a partir do vindeiro mes de xaneiro. Así, as cousas o documento económico será aprobado inicialmente en sesión plenaria este mesmo mes de novembro.

Langtry Caínzos explicou que na comisión desta mañá rexeitáronse as achegas ao texto contable que presentou o PSOE, único grupo municipal que mostrou interese en participar na elaboración dos presupostos con propostas. “Practicamente a totalidade das iniciativas do PSOE están recollidas na proposta orzamentaria do Executivo”, dixo o edil.  O orzamento municipal de 2014 ascende a un total de 53.799.610,46 euros, o que supón un incremento dun 7,1% respecto do presuposto inicial de 2013. Desta cantidade global, o capítulo de investimentos sube até os 7 millóns de euros, que se acometerán en maior parte con recursos propios -4 millóns de euros-, a través do Urban -1,3 millóns de euros- e mediante endebedamento por importe de 1,8 millóns de euros.

“Desenrolar investimentos que palíen as deficiencias da  cidade que se veñen arrastrando é promover a actividade económica, así como continuar coa blindaxe do gasto e das políticas sociais, son dúas das características que definen estes presupostos”, apuntou o responsable de Economía. Así, ao respecto dos investimentos destacou a reurbanización das prazas Río do Tronco e Sartaña; o Cantón de Molíns; a recuperación dos Xardíns de Herrera e dos baixos da Costa de Mella, a reurbanización das rúas Sol e Herbosa, Fontemoura, Xuvia e Basanta (en San Xoán) ou o Centro Cívico, para Persoas Maiores e Atención á Infancia de Canido. E no ámbito social, salienta o incremento nun 15% con respecto a 2013 das axudas directas ás familias –que suman máis de 750.000 euros-; os 2,3 millóns de euros reservados para atención á dependencia ou a posta en marcha de novos servizos como dous novos Comedores Sénior, un Banco de Alimentos ou unha nova ludoteca infantil na Praza de España.

Aforro de 800.000 euros anuais en intereses

Así mesmo, o titular de Economía sinalou que na comisión informativa desta mañá tamén deu conta da proposta de vencemento anticipado do préstamo a interese fixo subscrito en 2008 polo entón goberno socialista cunha entidade bancaria. Esta operación crediticia supón para as arcas locais un custe anual de 800.000 euros máis de intereses do que a facenda municipal tería que abonar no caso de que a operación crediticia fora acordada cun interese variable.

O montante económico desta operación de refinanciamento de préstamos da Administración municipal, que tivo lugar en 2008, ascende a 21,7 millóns de euros. Dende entón, e a raíz desta operación, o Concello de Ferrol leva pagados en intereses máis de 1,8 millóns de euros. Langtry Caínzos avanzou que se está a estudar a posibilidade de anular a operación liquidando o devandito crédito.

21 de novembro de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.