A presión fiscal dun veciño de Oroso é un 45,2% menor que a media nacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+

“As contas son as mellores que poden ser e xa lle gustaría a calquera Administración poder presentar unhas contas como as de Oroso, cunha autonomía financeira óptima e coa presión fiscal máis baixa da contorna”. Con estas palabras o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, presentaba esta mañá ao pleno municipal a Conta Xeral de 2012, que foi aprobada cos votos a favor dos 7 concelleiros do Grupo de Goberno e cos 6 votos en contra de PP, BNG e PG.

Manuel Mirás lamentou que a oposición “se dedique a falar de matices” no canto de fixarse nas grandes cifras da Conta Xeral de 2012, que conta co informe favorable da Intervención Municipal. “Estamos facendo máis cousas que noutros concellos con investimentos con fondos propios. Non sei se non o entendedes ou non o queredes entender”, sinalou o alcalde orosán.

Presión fiscal e aforro

A Conta de 2012 recolle que a presión fiscal dun veciño de Oroso é un 45,2% menor que a media nacional e un 22,7% menores con respecto á media de Galicia. Así, a presión fiscal por habitante en Oroso é de 283,92 euros; fronte aos 517,9 euros da media de España e os 366,98 euros de Galicia.

Ademais, a Conta de 2012 recolle que o Concello de Oroso conseguiu un aforro neto de 445.907 euros, o que significa que o Concello ten marxe de endebedamento. Un volume de endebedamento que se reduciu en case 9 puntos, ao pasar do 44,93% do exercicio anterior ao 36% actual. “Temos unha autonomía financeira óptima, do 49,63%, e a presión fiscal máis baixa da contorna. Se a iso lle unimos que o control do gasto corrente foi do 94% podemos ver que en Oroso gastouse con sentidiño”, sinalou o alcalde orosán.

Na mesma liña de boa evolución das finanzas municipais, a liquidación do orzamento de 2012 permite concluír que “o Concello atópase nunha situación de estabilidade orzamentaria”, segundo a Intervención Municipal. De feito, a administración local de Oroso logrou un superávit do 3,37% en 2012, froito de que os ingresos recollidos na liquidación foron 4.746.408 euros e os gastos 4.586.491 euros. Os técnicos municipais conclúen no seu informe que “o seguimento do Plan de Saneamento é satisfactorio no seu conxunto, respecto ás medidas e previsións iniciais”. Este plan foi aprobado en 2009 e ten vixencia ata 2015.

Críticas da oposición

Os grupos municipais da oposición coincidiron en criticar o vencemento do contrato de mantemento eléctrico, a situación contractual do arquitecto técnico, que non se convoquen as prazas previstas na RPT e o incremento dos procedementos negociados fronte aos procedementos abertos. Mirás explicou que “é certo que o contrato de mantemento eléctrico está vencido pero estamos analizando a posibilidade de licitalo cando o contrato de subministro, para conseguir unha maior eficacia. E iso leva un tempo”.

Neste sentido, lembrou que o recibo da luz ten subido en case un 30% nos últimos tempos e que, con respecto ao anterior convenio, se teñen incorporado novos alumeados públicos que hai que considerar como o do Carboeiro, o do Camiño Inglés ou o da rúa Pablo Iglesias. Ademais, Mirás Franqueira lembrou que “Oroso é un concello que segue medrando, onde hai máis actividades e, polo tanto, gástase máis. Só nas instalacións deportivas contan con máis de seiscentos nenos e a iso hai que sumar actividades no centro cultural, nos distintos locais sociais…”

Sobre a cuestión do arquitecto, o alcalde asegurou que “é un tema sobrevido e que non se vai tocar, pois sería prexudicial para o Concello de Oroso”. E diante das críticas sobre a situación da RPT, Mirás Franqueira lembrou que este ano se van sacar a concurso 3 das prazas contempladas.

Pago a 24 días

Finalmente, sobre a utilización do procedemento negociado, o alcalde orosán lembrou a legalidade desta figura e sinalou que “sobre o papel semella que o procedemento aberto permite conseguir unha maior eficacia. Na práctica estamos vendo como obras licitadas dese xeito en 2009 se acabaron en 2012. Sen embargo, o procedemento negociado é máis eficaz na execución da obra”. Deste xeito, puxo como exemplo a reurbanización da rúa Xuncal, “que foi un visto e non visto, cos conseguintes beneficios para os veciños orosán”.

Diante das acusacións do voceiro do Partido Galeguista sobre a suposta existencia de facturas pendentes de pago non incorporadas á Conta Xeral de 2012, Manuel Mirás indicou que “as facturas están recoñecidas e pagadas. Busque unha empresa, que non sexa Fenosa-Gas Natural, á que se lle pague con máis de 24 días de atraso”. De feito, sobre as facturas de Fenosa-Gas Natural, o alcalde indicou que “se este ano os recoñecementos extraxudiciais de crédito foron elevados se debe precisamente a esas facturas de Fenosa-Gas Natural, que non son correctas e hai que devolver”.

Modificación de crédito

O pleno municipal tamén aprobou, cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG e co voto en contra do PG, unha modificación de crédito por 110.000 euros destinado a pagar o incremento do custe da subministración eléctrica (70.000 euros) e o mantemento de edificios municipais (40.000 euros). Así mesmo, o pleno aprobou por unanimidade actualizar as taxas de sumidoiros e abastecemento de auga de acordo co 0,3% do IPC interanual.

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade unha emenda da Dirección Xeral de Traballo ao convenio colectivo regulador das condicións de traballo do persoal laboral ao servizo do Concello de Oroso e o proxecto de expropiación para a execución das obras de preinstalación do alumeado público e zonas peonís no vial que une os núcleos de Vilalbarro e O Cruceiro (parroquia de Oroso) coa N-550.

4 de novembro de 2013 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.