A Policía Local de Neda ofrecerá charlas de seguridade vial
A Policía Local de Neda levará a cabo unha serie de charlas formativas en materia de seguridade vial nos locais sociais das entidades veciñais de Neda. Charlas que se inclúen na campaña de educación viaria “Mira que te miren” que puxo en marcha este mes a Dirección Xeral de Tráfico, coincidindo cos meses do ano con menos horas de luz e peores condicións meteorolóxicas, co fin de pór freo aos atropelos. Un problema viario con especial incidencia en Galicia.
As charlas están dirixidas fundamentalmente a peatóns maiores de 65 anos, en especial a aqueles que viven na zona rural. E, ao remate das mesmas, o público asistente recibirá o seu correspondente chaleco reflectante.
O calendario previsto é o seguinte: o mércores, 13 de novembro, están programadas dúas charlas. A primeira, ás 18,30 horas no local social de Anca e, a segunda, ás 20 horas no local social do Roxal. Ao día seguinte, xoves 14 de novembro, a charla terá lugar no local social de Ancos, ás 17,30 horas e, por último, o venres, 15 de novembro, será o turno do local social de Viladonelle, ás 19 horas.











