A Policía Local de Ames imputa no mes de novembro cinco delitos contra a seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía local de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amiense imputou no mes de novembro cinco delitos contra a seguridade viaria, a maior parte deles por alcoholemia. Os cinco condutores foron detectados circulando por Bertamiráns.

O primeiro suceso detectouse a principios do mes de novembro, cando os axentes da Policía Local detectaron na Avenida da Maía a un condutor que circulaba co permiso de condución retirado por orde xudicial. Por iso, procederon á denuncia por un delito contra a seguridade viaria.

Unhas xornadas despois, os axentes, que estaban realizando de madrugada as funcións de disciplina e control do tráfico en Bertamiráns, observaron a un vehículo que circulaba dando bandazos pola rúa Alcalde Lorenzo, invadindo en ocasións o carril contrario. Os axentes conseguiron deter o vehículo na Avenida José Luís Azcárraga, comprobando que o condutor presentaba síntomas evidentes de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Na proba de detección, o condutor deu positivo cun resultado de 1.18 mg/l. Debido a isto a Policía Local iniciou as correspondentes dilixencias.

O terceiro caso produciuse o pasado 13 de novembro, na confluencia da Avenida da Maía coa Praza da Maía. Neste punto, e de madrugada, detectouse a un condutor que circulaba cunha taxa de alcohol en aire expirado de 0,51 mg/l. Nesa mesma noite, procedeuse á denuncia doutro vehículo na rúa Pedregal no que o seu condutor circulaba cunha taxa de alcohol de 0,50 mg/l.

Por último, detectouse a pasada semana a un quinto condutor que circulaba por Bertamiráns cunha taxa de alcohol expirado superior a 0,25 mg/l, que é a regulamentariamente establecida. Na proba, obtívose un resultado de entre 0,48 e 0,51 mg/l.

27 de novembro de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.