A pavimentación da rúa Arxentina e un tramo da Avenida Manuel Fraga comezarán nos vindeiros días
O Concello da Laracha iniciará nos próximos días, tan pronto o permitan as condicións climatolóxicas, a execución do proxecto de pavimentación da rúa Arxentina e dun tramo da avenida Manuel Fraga Iribarne, ambas situadas no casco urbano da Laracha.
Así, por unha banda será renovada a superficie de rodadura na rúa Arxentina, desde a rúa Santa Lucía e ata o seu punto de confluencia coa rúa David Mallo Gómez. Por outra parte, na avenida Manuel Fraga Iribarne vai ser ancheada a calzada e renovado o pavimento no tramo que vai precisamente entre as interseccións coas rúas Arxentina e Plácido Pedreira. En ambos casos as pavimentacións realizaranse con aglomerado asfáltico en quente.
Deste xeito o Concello da Laracha mellorará as comunicacións entre a estrada provincial CP-2404 (A Laracha-A Silva, unha das vías máis importantes do municipio) tanto co núcleo de Leborís como coa rúa Manuel Murguía, na que se concentran importantes instalacións educativas (IES Agra de Leborís), culturais (Casa da Cultura e biblioteca) e deportivas (complexo da piscina municipal).
Esta actuación, que suporá un investimento próximo aos 40.000 euros, será financiada integramente con fondos propios municipais e por medio da modificación orzamentaria aprobada polo Pleno celebrado no pasado mes de setembro. Cabe lembrar que ese cambio no presuposto fora proposto á Corporación polo goberno local ao existir un sobrante dunha operación de préstamo concertada no ano 2010 e que agora, tralo acordo plenario, vai ser destinado a diferentes investimentos.











