A participación de remeiros pontevedreses en campionatos do mundo e europeos subvenciónase con 10.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra apoia a participación de remeiros galegos en campionatos europeos e do mundo de piragüismo, cunha achega de 10.000 euros. A deputada Begoña Estévez reuniuse esta mañá, no seu despacho do Pazo provincial, co presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, ó que lle entregou a resolución pola que se concede esta achega económica.

Durante a xuntanza Begoña Estévez e Alfredo Bea analizaron a situación do piragüismo na provincia, un deporte que ten un notable peso, con diversos clubs espallados por toda a zona costeira.

A Deputación e a Federación teñen, ademais, en marcha 27 escolas deportivas de piragüismo en 19 concellos da provincia, nas que se forman máis de 800 nenos e nenas.

Taekwondo

Así mesmo, a Administración provincial concedeu 3.000 euros á Federación Galega de Taekwondo para a posta en marcha das escolas deportivas, que botan a andar este ano a modo de proxecto piloto.

Begoña Estévez mantivo unha xuntanza con responsables da Federación, cos que tivo a ocasión de avaliar o inicio destas escolas, que este curso están implantadas en Ponte Caldelas e Cotobade, e que se pretende poder ampliar nos vindeiros cursos.

19 de novembro de 2013 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.