A Once en Galicia fai balance dos 75 anos da entidade e os 25 da fundación na reunión con Diego Calvo
Durante o encontro, os representantes da entidade fixeron entrega do libro editado con motivo do 75 aniversario da ONCE e os 25 anos da creación da fundación. Tal e como explicou Martínez, esta publicación “recolle a historia da entidade desde as súas orixes”.
Os representantes da ONCE e Diego Calvo coincidiron en salientar o papel fundamental que esta organización representou de forma histórica no noso país para dar maior visibilidade á discapacidade, así como para traballar co obxectivo de acadar máis e mellores oportunidades para os seus socios tanto desde a asociación como desde a fundación.
Ademais, na reunión tamén tiveron a oportunidade de presentar as prioridades marcadas pola ONCE para os próximos anos, tendo en conta a situación económica actual e a sensibilidade do momento.
Calvo, pola súa banda, fixo entrega a Martínez e a Venancio dos presentes institucionais da Deputación da Coruña, figuras realizadas en barro de Buño.











