A oferta formativa de Brión inclúe informática, manipulador de alimentos, Internet e contabilidade
O Concello de Brión presentou hoxe a súa oferta formativa para os meses de novembro e decembro, que inclúe tres cursos de informática, un de contabilidade e outro de manipulador de alimentos. Cinco cursos que terán unha cota de inscrición de 30 euros, coa excepción do curso de manipulador de alimentos que será de 25 euros. Unhas anotacións que poden formalizarse na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 33 08 ata unha semana antes do inicio de cada curso.
O primeiro dos cursos será o de iniciación á informática, que comezará o 26 de novembro e estenderase ata o 26 de decembro, todos os martes e xoves de 20:00 a 22:00 horas. Trátase dunha iniciativa dirixida a persoas que desexen iniciarse no sistema operativo windows e que explicará cousas moi sinxelas, pensadas para persoas que teñen o seu primeiro contacto cun ordenador.
Para usuarios máis avanzados serán os dous cursos de Internet, nos que os alumnos aprenderán a manexarse pola rede nos distintos navegadores. O primeiro curso terá lugar todos os venres entre o 29 de novembro e o 7 de febreiro, en horario de 20:00 a 22:00 horas. A outra posibilidade é facer o curso os luns e mércores entre o 16 de decembro e o 27 de xaneiro, tamén en horario de 20:00 a 22:00 horas.
Manipulador de alimentos e contaplús
O luns 25 de novembro, de 16:00 a 19:00 horas, terá lugar un curso de manipulador de alimentos no centro social polivalente de Pedrouzos. Trátase dun curso dirixido a todos aqueles veciños e veciñas interesados en conseguir ou en renovar este carné, que faculta aos seus posuidores para traballar en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos no sector hostaleiro (camareiros, panadeiros, dependentes de ultramarinos), alimentario, comedores escolares…
Por último, todos os martes e xoves entre o 28 de novembro e o 7 de xaneiro terá lugar un curso práctico de contabilidade e Contaplús II, en horario de 20:00 a 22:00 horas. Máis información e inscricións na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 50 33 08.











