A nova contratación da telefonía municipal de Mos reduce o custe deste servizo á metade
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que dende o Concello se está a tramitar, e a punto de resolver, un procedemento de contratación do servizo de telefonía municipal que lle suporá ás arcas municipais un notable aforro con respecto ó custe que viña asumindo ata o de agora a administración local.
As condicións previstas para o contrato outorgan valoración á coordinación por parte dun responsable que designe a empresa adxudicataria e que coordine as actuacións co servizo de mantemento de telefonía co Concello, así coma á substitución de terminais e tarxetas SIM que garanta que tódolos terminais contratados estean operativos mediante un servizo postventa e a aplicación de políticas de substitución durante todo o perído de vixencia do contrato. Este último requisito deberá cumplir os seguintes parámetros: asistencia técnica e substitución de terminais averiados polo mesmo modelo ou outro da mesma gama, e un prazo de entrega inferior a tres días hábiles.
Outro criterio de valoración é que o servizo de telefonía debe estar operativo tódolos días do ano durante 24 horas ó día.
A empresa adxudicataria do servizo municipal de telefonía deberá aportar 26 liñas móviles e 59 sobremesas, o que fan un total de 85 liñas; así coma incluír un plan integrado de voz e datos móviles, ADSL e Router 3G. Ademais asumirá o subministro, instalación e mantemento dos terminais e routers necesarios, e demais equipos para prestar os servizos establecidos, en cada edificio ou dependencias municipais.
A duración do contrato será de dous anos, a contar dende a data de formalización do mesmo.
Coa adxudicación deste novo contrato, e segundo anunciou a rexedora local mosense esta mañá, dende o Concello de Mos prevese, gracias ó mesmo, que o aforro en materia de gastos de telefonía móbil e fixa poida alcanzar o 50% do gasto actual. Ademais do aforro previsto de case a metade do custe actual, o novo contrato contemplará melloras notables no que a prestación de servizos se refire.
Todo isto trae unha conclusión moi positiva para a administración local tendo en conta os tempos de crise económica que corren. Conclúese polo tanto que, un mellor servizo á metade de prezo é un notable avance para o Concello de Mos.











