publicidade hoxe

A mellora de camiños no rural dentro do Plan Marco na comarca de Pontevedra contará cun investimento de 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello de Barro

Cores Tourís na visita ao Concello de Barro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Barro para anunciar as axudas que van recibir os concellos da comarca de Pontevedra dentro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013/14.

Na reunión estivo presente o alcalde de Barro, José Antonio Landín, o xefe territorial do Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois e o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julián Alvira.

José Manuel Cores Tourís destacou os 503.942,39 euros que se van a destinar aos concellos da comarca de Pontevedra dentro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal e que permitirán executar traballos de recuperación de vías rurais de comunicación e acceso a fincas e explotacións.

“Estes traballos levaranse a cabo a través de subvencións en réxime de concesión directa e a través de criterios de diversa natureza como é o número de habitantes de cada concello, a superficie, a súa agrariedade, grado de despoboamento, etc…”, engadiu o delegado territorial.

José Manuel Cores Tourís fixo tamén mención aos investimentos realizados neste mesmo eido dende 2009 nesta comarca, basicamente destinadas á mellora da calidade de vida da poboación rural a través da reforma de camiños rurais de acceso a explotacións e parcelas por un importe de máis de 2,6 millóns de euros.

En relación aos traballos que se van realizar este ano no eido do Plan Marco, Barro investirá 40.335,96 euros para a pavimentación do camiño de Camgrallo; Campo Lameiro destinará 34.574,30 euros para a mellora de pistas en Lameiro, A Lagoa e Praderrei; o concello de Cotobade levará a cabo a reforma de camiños rurais en Augasantas, Costa-Caroi, Cimadevila-Caroi, Costa-Carballedo e Ponte Fentanes por un importe de 60.771,65; no caso de A Lama, destinaranse 56.641,38 euros para a pavimentación do camiño Liñaras en Giesta e Central en Gaxate; en Pontevedra investiranse 70.811 euros para o asfaltado do camiño rural de Pazos á Po-243 en O Pino-Marcón; Poio, pola súa banda, levará a cabo obras de pavimentación e mellora dos camiños Cruceiro e Piñeiro en Campelo por un total de 43.179,99 euros. O concello de Ponte Caldelas investirá 44.926,09 euros para a mellora do camiño de San Ramón no acceso a área arqueolóxica de Tourón.

Bueu destinará 56.464,11 euros para a pavimentación do acceso a praia de Tuia; mentres, Marín pavimentará e mellorará o camiño dos Tombos no entorno do Igresario de Santa María de Ardán por un montante de 44.246,68 euros. Finalmente, Vilaboa investirá 52.000,23 euros para a mellora do firme no acceso ao cemiterio de Santa Cristina de Cobres, no acceso á casa da cultura de Riomaior e ao lugar de A Boullosa.  En total, case 7,2 quilómetros de actuación nesta comarca.

“A maiores, sería interesante explicar tamén que, no global da provincia de Pontevedra destinaranse ao longo do presente ano para este tipo de traballos, 2,7 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. 

Parcelaria no concello de Barro

“A nosa aposta é facer explotacións máis viables e produtivas así como mellorar a calidade de vida dos veciños do rural”, explicou Cores Tourís durante a rolda de prensa celebrada esta mañá no concello de Barro. Deste xeito, destacou, como xa o fixo recentemente en Portas e en Cuntis, a importancia económica da posta en marcha das concentracións parcelarias “que dende 2009 viviron un importante pulo dende a administración autonómica”.

En concreto, no caso do concello de Barro, estase a tramitar o procedemento administrativo das zonas de parcelaria de Agudelo-Barro-Valiñas, Curro-Portela e Perdecanai-Barro, que afectan a 2.214 hectáreas e 3.259 propietarios. “Estamos a traballar para a finalización das modificacións do acordo e replanteo en Agudelo, para aprobar as bases definitivas en Curro e para informar dos recursos de bases definitivas en Perdecanai”, explicou o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias en Pontevedra, Julián Alvira, en relación aos próximos pasos a executar nestas tres zonas de parcelaria en Barro.

No concello de Barro, dende 2009, investíronse máis de 676.000 euros tanto en relación ao investimento das tres áreas de concentración como en mellora de camiños e infraestruturas viarias no rural.

21 de novembro de 2013 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.