publicidade hoxe

A mellora de camiños do rural na comarca de Caldas de Reis percibirá un investimento de máis de 318.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a sede da Mancomunidade do Ulla-Umia para anunciar as axudas que van recibir os concellos da comarca de Caldas de Reis dentro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2013/14.

Na reunión estivo presente o alcalde de Portas, Roberto Vázquez, coma presidente da Mancomunidade, o xefe territorial do Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois e o xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julián Alvira.

José Manuel Cores Tourís destacou os 318.326 euros que se van a destinar aos concellos da comarca de Caldas de Reis dentro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal e que permitirán executar traballos de recuperación de vías rurais de comunicación e acceso a fincas e explotacións.

“Estes traballos levaranse a cabo a través de subvencións en réxime de concesión directa e a través de criterios de diversa natureza como é o número de habitantes de cada concello, a superficie, a súa agrariedade, grado de despoboamento, etc…”, engadiu o delegado territorial.
José Manuel Cores Tourís fixo tamén mención aos investimentos realizados neste mesmo eido dende 2009 nesta comarca, basicamente destinadas á mellora da calidade de vida da poboación rural a través da reforma de camiños rurais de acceso a explotacións e parcelas por un importe de máis de 4,5 millóns de euros.

En concreto, en relación ao Plan Marco, Caldas de Reis investirá 48.727,91 euros para a pavimentación do entorno do cemiterio desta localidade; Catoira destinará 39.553,09 euros para a mellora da pista de Baral, Gondar, Portocanles e Vila de Suso; o concello de Cuntis levará a cabo a reforma de camiños rurais no lugar da Sobreira por un importe de 59.822,40; no caso de Moraña, destinaranse 43.953,86 euros para a pavimentación de o vial situado entre os lugares de San Martiño e Pallota; en Portas investiranse 46.102,94 euros para o asfaltado de camiños en Romai-Vello e Tarrio; Pontecesures, pola súa banda, levará a cabo obras de ampliación e mellora dos camiños de Rúa Forneiras, Souto, Fontaíña e Condide por un total de 37.776,84 euros. Finalmente, o concello de Valga investirá 42.389,33 euros para a mellora dos camiños de Desabanda e Lavadoiro e Casal do Irigo e O Forno. En total, 4,8 quilómetros de actuación nesta comarca.
“A maiores, sería interesante explicar tamén que, no global da provincia de Pontevedra destinaranse ao longo do presente ano para este tipo de traballos, 2,7 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

As obras executadas dende 2009 céntranse en melloras de infraestruturas viarias, en acceso a explotacións, reposición de capa de rodaxe, adecuación de camiños e mellora de abastecementos de auga e saneamentos.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc.

Parcelaria nos concellos do Ulla-Umia

“A nosa aposta é facer explotacións máis viables e produtivas así como mellorar a calidade de vida dos veciños do rural”, explicou Cores Tourís durante a rolda de prensa celebrada esta mañá no concello de Portas. Deste xeito, destacou a importancia económica da posta en marcha das concentracións parcelarias “que dende 2009 viviron un importante pulo dende a administración autonómica”.

Deste xeito, as parcelarias de Portas e Cuntis, por exemplo, reactiváronse “xa que se atopaban completamente paralizadas”, engadiu o delegado territorial quen recordou que, “nestes intres, toda a ribeira do Umia, dende que nace en Forcarei ata a súa desembocadura se atopa concentrada o en fase de concentración”.

Nestes intres, en Portas se atopan en bases definitivas as concentracións de Briallos e Romai que beneficiarán a 1.638 propietarios, “cunha densa rede de camiños, máis de 20 quilómetros abertos, que facilitará o acceso dos propietarios as súas actuais fincas e, no futuro, as fincas de reemplazo”, explicou pola súa banda Julián Alvira.

O xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias engadiu tamén que en Caldas xa se rematou a zona de parcelaria de Saiar “que tivo moita complicación pola estrutura das propiedades que presentaba”. A mesma complexidade se deu en Catoira, “agravada polo feito de que a concentración parcelaria afecta a totalidade do concello. Nestes intres estanse revisando as bases definitivas e xa se rematou a rede de camiños”.

En Cuntis, continúase a traballar nas concentracións de Troáns I e Troáns II. A primeira ten xa completa a súa rede de camiños e se está a elaborar o proxecto “que se atopa en fase moi avanzada e que esperamos poder presentar o próximo ano”, explicou Alvira. En canto a Troáns II, estase a executar a segunda fase da rede de camiños secundarios.

14 de novembro de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.