A mellora de accesos e da rede de saneamento do Parque Empresarial Espírito Santo alcanza os 240.000 euros

Visita ás obras de mellora do polígono Espírito Santo
A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que está a desenvolver coas administracións locais, vén de resolver un ano máis o programa de apoios municipais para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos. Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao Polígono Industrial Espírito Santo de Cambre, grazas a este programa mellorarase o pavimento da Rúa Isaac Peral ao tempo que se renova o saneamento en varias das súas rúas.
Neste sentido, e como explicou Bernardo Tahoces, a actuación beneficia e impulsa a competitividade industrial do concello de Tambre, que conta cunha axuda para o desenvolvemento do proxecto de 240.000 euros, máis do 70% do seu custo. Así, na pavimentación da vía investiranse preto de 175.000 euros, dos que a Consellería aporta case o 70%, mentres que ás obras de renovación da rede de saneamento destinaranse preto de 170.000 euros, dos que o Goberno galego achega 120.000 euros.
O director xeral de Enerxía e Minas, que estivo acompañado polo alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridad, resaltou a importancia dunha orde que impulsa este ano actuacións en vinte parques empresarias da provincia da Coruña, xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da provincia. “Deste xeito, colaboramos cos municipios coruñeses, facilitando a realización de distintas iniciativas que mobilizarán máis de 2,2 millón de euros”, explicou.
A través desta liña apóianse diferentes actuacións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dase así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzan ata os 120.000 euros, e que se ven incrementados nun 15% nos casos de consorcios de 2 e 3 municipios.
O director xeral de Enerxía e Minas destacou que a provincia da Coruña é a que suma máis concellos beneficiados nesta edición do programa, aglutinando o 35% do total, fronte ao preto do 30% da provincia de Lugo, o 19% de Ourense, e o 17% de Pontevedra.











