A Mancomunidade de Ordes loita dende o ámbito educativo contra a violencia de xénero
De cara ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebrará o vindeiro luns a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes ten prevista unha serie de actos e eventos que terán como escenario principal os centros académicos da zona. Neste sentido o presidente da Mancomunidade, Manuel Regos, fala “da importancia deste tipo de campañas e na difusión de mensaxes de igualdade entre os máis novos e novas, entre a sociedade estudiantil desta e de calquera zona, xa que a igualdade e o respeto aos demais son valores que se deben inculcar dende o principio para que se interioricen dentro de cada un do mellor xeito e o antes posible”.
En colexios e institutos procederase á lectura do manifesto que esta mesma semana o pleno da Mancomunidade aprobou unánimemente. Un texto no que se asegura que estamos ante “un problema social complexo que afecta a homes e mulleres e que está lonxe de solucionarse, polo que é necesaria a implicación de todas as institucións e persoas”. Entre outros aspectos tamén se destaca que “só en España na última década foron asasinadas 696 mulleres, das cales 33 eran galegas, tendo a metade entre 21 e 40 nos”. A Mancomunidade de Ordes “posiciónase do lado da defensa dos dereitos e da dignidade das persoas, sen permitir a violencia na súa área de actuación, nin ofrecer o seu silencio como cómplice desta lacra social, alzando a voz en contra de calquera tipo de violencia”.
Outro dos actos que se levarán a cabo nos centros educativos será o uso simbólico de colectores para simbolizar xestualmente a repulsa colectiva da violencia de xénero, incidindo na redución de casos, na reutilización de valores positivos e no reciclado de conductas. Tras esto os presentes e participantes alzarán as súas mans todos xuntos como símbolo de rexeitamento á violencia e a favor da igualdade, e entregarase un díptico que recollerá as principais ideas e conclusión do traballo realizado durante as últimas semanas a través do programa Igualar. Un programa de coeducación dirixido ao alumnado de Educación Secundaria da Comarca no que participaron máis de 1.000 alumnos e alumnas de oito centros distintos, e que contou coa financiación da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo, xunto cos sete concellos da comarca. O mesmo luns tamén se proxectará unha curtametraxe relacionada cos contidos sobre os que se baseu dito programa.
Os resultados obtidos nel difundiranse nun breve espazo de tempo a través dunha exposición itinerante que recorrerá cada un dos sete concellos da Mancomunidade de Ordes, a cal recollerá o material fotográfico e audiovisual elaborado nas sesións de aula e na xornada Contra a Violencia de Xénero. Unha información que tamén se poderá consultar no blog http://programaigualar.blogspot.com.es/, o cal se creou ao comenzo do proxecto para a promoción e intercambio de experiencias, para a consulta de material e para un maior coñecemento dos recursos e as redes de igualdade a todos os niveis.











