A limpeza de rúas en Vilagarcía abarca a zona comprendida entre San Roque e o entorno da Xunqueira
As concellerías de Obras e Servizos e Medio Ambiente poñen en marcha a vindeira semana a terceira fase da campaña de limpeza intensiva de rúas do casco urbano. Os traballos afectarán ás rúas comprendidas entre San Roque e o entorno do Parque da Xunqueira. Seguirase o esquema das semanas anteriores, con traballos manuais a partir do luns e coa utilización de maquinaria o mércores, xoves e venres. Informarase das rúas a actuar cada día para que os condutores deixen libres o estacionamentos con antelación, para o cal prégase a maior colaboración.
A maquinaria de Cespa traballará o mércores entre as 7 e as 10 horas da mañá nas rúas Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro e Santa Eulalia e, entre as 10 e as 13 horas, acometerán a limpeza de Arcebispo Xelmírez e a súa travesía.
O operativo continuará o xoves entre as 7 e as 10 horas da mañá polas rúas García Lorca e López Cuevillas e, entre as 10 e as 13 horas seguirá po Vista Alegre, Manuel Antonio e Ramón Fernández Mato.
O tramo da Avenida Doutor Tourón comprendido entre a Glorieta da Mariña Española e a confluencia con Vista Alegre limparase o venres entre ás 7 e as 10 da mañá, ao igual que a rúa Bosque Desamparados. Ese mesmo día, tamén se acometerá a limpeza das rúas Agustín Romero (ata a confluencia coa Avenida Matosinhos), Rúa Entrante e Pontearnelas.
Nas xornadas do luns e o martes, os operarios do Concello actuarán a modo de avanzadilla limpando tragantes e desatascando arquetas a man e, cando sexa necesario, utilizando o camións aspirador. Posteriormente intervirá o persoal e medios de Cespa que utilizarán máquinas varredoras, de baldeo, de lavado de contedores de lixo e desbrozadoras manuais.
O Concello irá informando día a día mediante a colocación de valas e de folletos informativos das zonas nas que está previsto actuar ao día seguinte para avisar a condutores e veciños de que retiren con antelación os coches dos estacionamentos das rúas a limpar. Prégase a máxima colaboración para non interferir nin obstaculizar os traballos da maquinaria de Cespa e para que as rúas e espazos públicos poidan ser limpados correctamente como demanda a cidadanía.











