A II Gala do Deporte Tudense homenaxeará no Teatro Municipal aos deportistas locais
Mañá venres, 29 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Municipal Tudense, levarase a cabo a segunda edición da Gala do Deporte Tudense, na que se recoñecerá o traballo realizado polos deportistas e clubs durante este ano 2013.
Nesta segunda edición, o xurado encargado de decidir os galardoados estivo integrado por Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes de Tui; Rosendo Bugarín, médico e deportista tudense, colaborador con varios clubs e probas deportivas no noso concello; Enrique Míguez, padeeiro e medallista olímpico; Eduardo Sousa, xerente deportivo, que foi presidente e adestrador do Club Kayak Tudense, árbitro de baloncesto da primeira división nacional, e comentarista deportivo en diferentes medios de comunicación; e Justi Peixoto, director do programa deportivo “Escoita Deporte” da RMT.
Todo está preparado para o que quere ser a gran festa do deporte do noso concello; o punto e seguido dun ano cheo de moito traballo e moitos éxitos acadados por todos e cada un dos clubs tudenses.
A gala contará coa actuación de tres grupos deportivos, que xunto aos vídeos dos premiados e o homenaxe a distintas persoas que traballaron en pro do deporte tudense durante moitos anos, conformarán un acto sinxelo e emotivo.
Dado que o aforo do teatro é limitado e dirixido aos deportistas e clubs tudenses, as entradas non retiradas ás 20.20 poñeranse a disposición do público xeral a partir desa hora.











