A II Edición do encontro Basket&Cheese “Pon un tapón á crise”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, avogou pola necesidade de “estimular e deseñar novas fórmulas de colaboración público-privada para reforzar a nosa riqueza deportiva”. Así o manifestou durante a súa intervención no coloquio organizado no marco da II Edición do encontro Basket&Cheese, coa temática “Patrocinio & Basket. Poñer un tapón á crise”.

“O deporte necesita da colaboración público-privada; dunha colaboración capaz de ofrecer aos doantes, aos seus investidores, vantaxes á altura das interrelacións entre o deporte e o esforzo investidor realizado, entre o deporte e a súa repercusión mediática; en definitiva, á altura do interese xeral que se está satisfacendo”, remarcou.

O secretario xeral para o Deporte asegurou que afondar na colaboración entre institucións e empresas para o patrocinio do deporte galego garantiría o seu impulso, ao tempo que repercutiría tamén positivamente no eido empresarial. “Se queremos asegurar a supervivencia da riqueza deportiva do noso país, e se, de forma semellante e paralela, queremos que as nosas empresas sigan beneficiándose da imaxe e repercusión mediática do mundo deportivo, o camiño non pode pasar máis que por perfeccionar o actual sistema de mecenado e das medidas tributarias que o regulan”, afirmou.

É por iso que considerou “unha cuestión indispensable e certamente perentoria” activar novas fórmulas de cooperación no eido institucional e empresarial. O secretario xeral referiuse, neste punto, á futura Lei de participación social e mecenazgo do Goberno central que, segundo dixo, achegará medidas fiscais encamiñadas nesta dirección.

Na súa intervención, Lete Lasa citou como un exemplo “óptimo” da participación privada no eido deportivo en Galicia, a saída da Volta ao Mundo A Vela, a Volvo Ocean Race, que partiu en 2005 desde o porto de Vigo e que, segundo dixo e ao tenor das informacións e estudos realizados, acadou os 1.800 espectadores en audiencia acumulada e un impacto económico de 55 millóns de euros para a cidade; así como unha afluencia de 700.000 persoas o día da saída.

Lembrou que aquela edición desta regata transoceánica tivo un impacto para Galicia de 61 millóns de euros e foi “un dos eventos deportivos máis relevantes a nivel internacional” que acadou a consideración legal de acontecemento excepcional de interese público. “Grazas a esta consideración, -agregou-, foron numerosas as entidades nacionais e internacionais privadas que entraron a patrocinar non só a estrita organización da saída da regata senón, e o que é máis importante, o amplo conxunto de eventos, actuacións e programas que se puxeron en marcha desde a Administración autonómica deportiva galega”, concluíu.

13 de novembro de 2013 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.