A hostalería compostelá móstrase satisfeita cun Santiago(é)Tapas con máis de 37.000 petiscos servidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A sexta edición do Santiago(é)Tapas, a cita cos petiscos en Compostela foi un grande acontecemento que dinamizou a hostalería da cidade entre o 7 e o 24 de novembro.

Os establecementos participantes, os patrocinadores e a Asociación Hostelería Compostela están moi satisfeitos cun evento que superou os 37.000 petiscos servidos e que tamén mereceu os parabéns dos clientes. Seguramente, a participación viviu un empurrón  grazas á calidade das tapas e a que coincidise un outono solleiro nas súas datas.

Foron 66 os establecementos hostaleiros que ofreceron 109 tapas distintas e 10 locais de hostalería nocturna que ofrecen cadanseu combinado especial na cita paralela Santiago(é)Noite.

Deste xeito, o Santiago(é)Tapas está plenamente consolidada e é unha referencia neste xénero de iniciativas.

Os gañadores das distintas categorías coñeceranse o 10 de decembro, nunha gala Santiago(é)Tapas que se celebrará na sede da Asociación Hostelería Compostela.

En total, faranse públicos seis premios distintos: os catro do xurado profesional, ás tres mellores tapas e unha á mellor tapa elaborada con conservas; e os dous do público xeral á Tapa do Público e ao Premio do Público (é)xcelente ao establecemento máis valorado como experiencia global.

Na gala tamén se sortearán algúns agasallos entre os clientes, como billetes de avión de ida e volta a Estambul con Turkish Airlines e paquetes do programa Outono Gastronómico de turismo rural con Turismo de Galicia

Hostelería Compostela organiza e promove este concurso que conta coa colaboración institucional de Turismo de Santiago; o patrocinio especial de Turkish Airlines; o patrocinio de Cash Record; a colaboración especial de Estrella Galicia e a colaboración de Fundación Catedral e Turismo de Galicia.

Os produtos recomendados son os viños da Denominación de Orixe Ribeiro,  Federico Paternina e Don Pedro de Soutomaior.  Ademais, tamén colaboran con produto distintas empresas do sector agroalimentario e turístico.

28 de novembro de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.