A galega Lúa Piñeiro xa está en Costa de Marfil para participar no Campionato do Mundo por equipos de taekwondo
A galega Lúa Piñeiro (-67 quilogramos) xa se atopa en Costa de Marfil xunto ao resto do equipo español, para competir no Campionato do Mundo por equipos (antiga Copa do Mundo), que se disputará na categoría TK5 (a mesma que se utilizou nos Sports Accord World Combat Games). O torneo celebrarase entre os días 28 e 30 de novembro na cidade de Abidjan. Ademais, na convocatoria aparece como reserva a viguesa Andrea Rica.
Tralo sorteo realizado, España quedou encadrado no grupo A, xunto a Corea, Estados Unidos e Costa do Marfil. O equipo español feminino está formado por Brigitte Yagüe (50,5 quilogramos), Eva Calvo (58), Lúa Piñeiro (67), Elena Gómez (71,5), Rosanna Simón (73) e Elaia Torrontegui (46), sendo Andrea Rica (58) a suplente.
Lúa chegou a Abidjan o luns de madrugada e informa das súas “andanzas” no seu facebook. Así, a primeira impresión do país non foi moi boa, pola calor, a choiva e a humidade (83 por cento), pero a xente de Costa de Marfil conquistou á galega quen asegura “que coñecín moitos países e culturas.. pero este é sen dúbida o que máis estou a gozar. Ver que a cidade enteira apenas ten para comer e que aínda así cando pasas ao seu lado te reciban cun sorriso e un xesto para que te sentes con eles a comer ese pouquiño que teñen é ALUCINANTE!! Vivir esta experiencia tan de cerca…no podo expresalo con palabras”.
Modalidade TK-5. En TK-5 cada equipo está conformado por cinco competidores titulares, un reserva e un técnico. É un sistema de combate por equipo onde gaña quen sume máis puntos durante dous asaltos. Dous asaltos de cinco minutos cun minuto de descanso. O primeiro de cinco minutos, onde cada competidor deberá estar no tapiz durante un minuto. Logo dun minuto de descanso e no seguinte asalto, comeza unha competición de relevos ilimitados, onde os técnicos, segundo a súa táctica, elixen quen entra e quen sae. O único condicionante para poder cambiar o competidor, é que o deportista realizase un mínimo de tres ataques.
Ao regreso a España, Lúa quedará concentrada no CAR de Barcelona, para preparar o WTF Grand Prix 2013, que se disputará en Manchester (Gran Bretaña) entre os días 13 e 15 do mes de decembro. Nesta proba só estarán as 32 mellores do ranking mundial, polo que a Lúa lle fai moitísima ilusión esta competición.











