A Fundación Ortegalia aproba o plan de actividades para 2014 con máis de trinta iniciativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, presidiron onte na Casa Consistorial de Ortigueira a reunión ordinaria do Padroado da Fundación Ortegalia. No encontro, aprobáronse as liñas de traballo da entidade para o próximo ano. En carteira, a renovación das actividades destinadas a pór en valor o patrimonio natural, etnográfico e histórico do Ortegal e a activación de iniciativas destinadas a actualizar permanentemente os contidos do Museo Ortegalia.

Á reunión de traballo asistiron, ademais do rexedor municipal e presidente de Ortegalia e a delegada da Xunta na Coruña, o deputado Miguel de Santiago Boullón, representante de Deputación da Coruña no ente; José Antonio Álvarez, xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente na Coruña; Antonio Cortés, representante de Gadisa;  a edil de Cultura de Ortigueira, María Cruz Sabio e  a directora de Ortegalia, Emma Sandá.

Na cita deuse luz verde ao programa de actividades da fundación para o exercicio 2014. O plan destaca polo peso específico que adquiren as actividades destinadas ao público (18 propostas formativas e divulgativas e até unha ducia de exposicións temporais), así como pola incorporación de novas temáticas á oferta de iniciativas históricas e ambientais, co ánimo de captar novos públicos.

Finalmente, e polo seu carácter estratéxico,  desde a Fundación destácase a posta en marcha do “Espazo Artegalia”, un proxecto destinado a abrir as instalacións do Museo Ortegalia a todos aqueles artistas que desexen expor temporalmente a súa obra. A iniciativa permitirá en 2014 dar a coñecer e promocionar a obra de sete artistas e, en paralelo, renovar de forma continuada os contidos do centro como acción dinamizadora e potenciadora da repetición de visitas.

27 de novembro de 2013 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.