A Escola Municipal de Música Magariños celebra as Xornadas Musicais Santa Cecía
A Escola Municipal de Música Magariños (Brión) organiza as V Xornadas Musicais Santa Cecía, coincidindo coa semana de celebración da patroa dos músicos. Unhas xornadas que inclúen unha charla sobre jazz e o tradicional Concerto de Santa Cecía.
Mañá xoves, 21 de novembro, o profesor Carlos Gulías Carrillo divulgará o papel importante do saxofón no mundo jazz. A charla terá lugar na aula 5 da escola Municipal Magariños (Pedrouzos), ás 19:30 horas. A entrada é libre e de balde. Ademais, este sábado 23 de novembro, ás 17:30 horas, o auditorio do Centro Social Polivalente de Pedrouzos acollerá o tradicional Concerto de Santa Cecía, a cargo da Banda Municipal de Música de Brión. Un serán musical moi recomendable e de entrada libre.
A Escola Municipal de Música Magariños celebra neste curso 2013/2014 o seu décimo aniversario, xa que o seu Plan Educativo de Ensinanzas Musicais implantouse aló polo curso 2003/2004. Dez anos de música e logrando paseniño a paseniño moitos avances na calidade educativa dun centro dedicado á formación musical cun carácter eminentemente público. Na actualidade conta con máis de 180 alumnos e alumnas matriculados nas distintas especialidades ofertadas, cunha formación dende os 3 anos de idade ata adultos. En 2011, a Escola brionesa acada o recoñecemento como Centro Oficial, ao ser incluída dentro do rexistro de escolas de música e danza da Comunidade Autónoma de Galicia.











