publicidade hoxe

A Deputación financia con 70.000 euros obras de saneamento e reparación de cunetas en Fisterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFisterra
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá xunto co alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, o resultado das obras acometidas no vial de Sardiñeiro de Abaixo a Suarriba grazas a unha axuda provincial.

Este vial serve como conexión entre os núcleos urbanos de Fisterra, Corcubión e Cee, así como coa Vía de Altas Prestacións. Tamén vertebra toda a zona costeira da comarca e soporta un importante tránsito de vehículos e transporte escolar de forma diaria.

As obras financiadas pola Deputación da Coruña supuxeron a pavimentación da estrada, a mellora do firme e o drenaxe das mesmas, así coma a ampliación do vial ata os 6,5 metros, e a apertura de cunetas ás marxes dun ancho de 0,75 metros cada unha.

Para a execución desta obra, nunha estrada de titularidade municipal, foron precisas diversas xestións por parte do Concello para acadar a cesión gratuíta dos terreos lindeiros necesarios para a ampliación. Neste sentido, o alcalde agradeceu a sensibilidade dos veciños.

A colaboración entre o Concello de Fisterra e a Deputación para o arranxo da estrada formalizouse o ano pasado co fin de que a institución provincial colaborase na reparación de infraestruturas viarias no único concello que non conta con ningún quilómetro de estradas de titularidade provincial.

O orzamento total desta actuación ascendeu a 240.000 euros, dos cales a Deputación da Coruña asumiu 200.000.

Próximas actuacións

Ademais, trala visita, Diego Calvo anunciou que no pleno celebrado o pasado mes de outubro aprobouse a consignación de case 70.000 euros máis para novas axudas ao Concello de Fisterra.

A primeira destas colaboracións pasará polo acondicionamento de cunetas en Sardiñeiro de Arriba, que contará cunha axuda provincial de 19.438 euros.

O fin último desta actuación é evitar o arrastre do material actual destas cunetas, procedentes de escavacións e que contan con pouca consistencia. As novas infraestruturas estarán feitas de formigón.

A segunda axuda será para unhas obras no Lugar de Mallas, onde ata o de agora non había posibilidade de conexión ao saneamento municipal ao non existir unha rede de categoría superior na que verter as augas.

A Deputación da Coruña colaborará no deseño, medición e valoración dunha rede de colectores por gravidade que os conduzan ata a rede existente de colectores municipais e que, tras o seu posterior bombeo, sexan tratados na EDAR municipal.

Esta obra contará cun presuposto de 60.000 euros, dos cales a Deputación da Coruña asumirá 48.000 euros.

Tal e como explicou José Manuel Traba, tras estas actuacións o Concello de Fisterra achegará saneamento ao 80% da poboación do municipio e redundará “de forma importante na calidade ambiental deste núcleo, beneficiando tanto aos veciños como aos visitantes que se achegan a esta zona turística”.

5 de novembro de 2013 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.