A Deputación de Ourense presenta a 13ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Impulsar o emprendemento, a competitividade empresarial e crear novas oportunidades de laborais son os obxectivos do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que hoxe se presentou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o subdirector de Sistemas e Infraestruturas da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez.

Segundo afirmou Baltar, “a innovación, o talento e as novas tecnoloxías son elementos que contribúen a loitar contra a crise e xerar emprego, e este concurso tecnolóxico recibe o apoio da Deputación de Ourense porque cremos na cooperación entre institucións, na transparencia e na necesidade de interiorizar a innovación para impulsar a competitividade”.

O concurso, que este ano chega á súa 13ª edición, está patrocinado pola Deputación de Ourense e organizado por Expourense e a Escola Superior de Informática do Campus de Ourense, coa colaboración da Universidade da Coruña. Preténdese con el vencellar a investigación realizada na universidade no eido da informática e as telecomunicacións ás necesidades e demandas reais do mundo empresarial.

É un certame consolidado e unha grande oportunidade para os estudantes do sector en Galicia e en Portugal para dar a coñecer os seus proxectos de Fin de Carreira. Co obxectivo de achegar aínda máis este concurso aos universitarios, o acto de entrega dos premios terá lugar na Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e será o mércores 18 de decembro. As bases da convocatoria para presentar os traballos poden consultarse na páxina web www.expourense.org.

Preténdese con concurso sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ao seu proceso de produción, axudando a facela máis competitiva. Polo tanto, teñen cabida todos aqueles traballos onde prime a aplicación das súas ideas ó mundo empresarial, e que estean vencellados coa realidade e necesidades cotiás.

Aínda que cada vez son máis as empresas que contan cun departamento de I+D+i, non se pode esquecer que unha boa parte das investigacións realizadas en Galicia xorden na universidade. A investigación, o desenvolvemento e a innovación convertéronse hoxe en día na mellor ferramenta para que unha empresa sexa competitiva a nivel internacional.

Bases

A 13ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos constará de dúas modalidades A e B e nelas poderán participar os alumnos e alumnas das Universidades da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal que estean cursando na actualidade algunha das seguintes titulacións:

– Modalidade A: Títulos de Grao en Enxeñería Informática; Grao en Enxeñería de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñería Técnica en Informática e Enxeñería Técnica de Telecomunicación.

– Modalidade B: Títulos de Enxeñería en Informática, Enxeñería de Telecomunicación e Traballos de Fin de Master de másteres oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións.

Neste sentido os participantes poden presentar os seus proxectos Fin de Carreira. A participación neste concurso pode ser unha boa carta de presentación á hora de incorporarse ó mundo laboral.

Un dos requisitos para poder participar será ademais a creación dunha Páxina en Facebook no que se publicará toda a información textual, fotos, vídeos, etc, que se considere oportuna sobre o seu proxecto. A páxina que consiga máis “Me Gusta” obterá o premio do Público.

Os premios deste concurso serán entregados na Escola Superior de Informática da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico- Campus de Ourense), o mércores 18 de decembro de 2013. O xurado reunirase e nomeará ós finalistas que haberán de defender o seu traballo durante 10 minutos.

Concederanse tres premios en cadansúa categoría (A e B) cuxa contía ascende a 1.400 euros sendo os primeiros premios de 350 e de 500 euros respectivamente.

Co obxectivo de facilitarlle a participación neste concurso aos alumnos e alumnas das Universidades da Coruña e Santiago de Compostela, a organización puxo a súa disposición un Bono desconto do 30% en RENFE (inclúe AVANT) que pódese descargar en www.expourense.org.

20 de novembro de 2013 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.