A Deputación da Coruña recibe en Barcelona o premio “Ciudad Sostenible” na categoría da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exterior
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, recibiu hoxe en Barcelona o Premio Ciudad Sostenible na categoría Auga que outorga a Fundación Fórum Ambiental e o Smart City Expo World Congress co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Nesta mesma categoría estaban nomeados tamén o Ajuntament de Barcelona e máis o de Paterna, pero o xurado decantouse polo traballo realizado pola Deputación porque, entre outras cuestións, “concibe a auga non só como un recurso, senón como unha parte indispensable da vida e do medio ambiente”.  

Ademais, tal e como matiza a memoria presentada a este premio nacional, tívose tamén en conta que “o Proxecto Mandeo é un exemplo de investimento en infraestruturas sanitarias, tanto na saúde do río coma na dos cidadáns, e tamén en educación e formación ambiental”. 

Tras recibir o galardón, Diego Calvo salientou que “se está a valorar o grande esforzo realizado polos traballadores da Deputación para poñer en marcha un plan con resultados e efectos sostibles a medio e largo prazo”. Así, ademais do recoñecemento ao proxecto da xestión da auga, citou “todas as actuacións de dinamización turística levadas a cabo e que incidiron de xeito moi importante no desenvolvemento económico e social dos territorios da conca do Mandeo”. 

Como exemplo puxo a rede de Refuxios do Río Mandeo que funciona agora como asociación privada ou os centros pedagóxicos e de interpretación abertos tanto no Concello de Coirós como no de Curtis.  

Ademais, salientou que o premio “é para os nove concellos que participaron no proxecto” e agradeceu aos membros do xurado o recoñecemento porque “estou convencido de que servirá de revulsivo para a zona e dará un impulso maior ao territorio Mandeo e a todas as infraestruturas que se realizaron na zona dentro do plan”. 

A xestión da auga no Plan Mandeo

O Proxecto Mandeo, cofinanciado con fondos FEDER, vén demostrar como o río pode converterse nun elemento integrador e dinamizador que potencie o desenvolvemento sostible da súa conca. O éxito do proxecto centrouse en tres áreas concretas: a optimización no uso da auga, a dinamización do sector turístico da zona; e a educación e formación ambiental. Ademais, tívose en conta tamén que, unha vez rematada a vixencia do plan, non serán necesarios máis investimentos, xa que as infraestruturas quedaron finalizadas e agora tan só resta un labor de mantemento mínimo. 

Premios Ciudad Sostenible

A Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, convoca anualmente os premios Ciudad Sostenible coma recoñecemento aos municipios e entidades locais supramunicipais do Estado que aposten por proxectos e actuacións dirixidas a potenciar a sostibilidade. 

Ademais da categoría da auga, na que resultou gañadora a Deputación da Coruña, tamén recoñeceron o traballo doutros municipios de España nos apartados xestión de residuos, educación ambiental, xestión enerxética, cambio climático e cidade máis sostible.

20 de novembro de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.