A Deputación da Coruña pon en marcha o programa “Somos dous” de prevención de violencia de xénero en escolas
Coincidindo coa conmemoración do 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero, a institución provincial considera de interese levar a cabo un programa de prevención en adolescentes a través de diferentes centros de educación secundaria da provincia baixo o título “Somos dous”. Nesta ocasión, os municipios nos que se desenvolverá este proxecto serán A Pobra Caramiñal, Porto do Son, Padrón, Muros, Cee, Camariñas, Fisterra, Boiro, Noia e Rianxo.
O obxectivo do programa é favorecer no alumnado a construción dunha identidade non sexista e non violenta promovendo a adquisición de recursos persoais que fomenten as relacións entre mulleres e homes igualitarias. O recoñecemento do papel que a escola desempeña na superación do sexismo e a violencia de xénero é xeneralizado hoxe na nosa sociedade, que adoita destacar a necesidade do cambio xeracional dende a educación como a ferramenta fundamental para superar estes problemas.
O programa consta de obradoiros de sensibilización dirixidos ao alumnado de 3º da ESO, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a identificación daquelas situacións nas que se produce a violencia de xénero, incidir sobre actitudes e condutas dirixidas a construír unhas relacións afectivo-emocionais saudables nas relacións de parella, incidindo na erradicación de mitos e estereotipos erróneos.
A través dos obradoiros e actividades previstas no programa traballarase co alumnado estratexias que potencien actitudes críticas fronte ás desigualdades e a violencia de xénero, favorecendo o desenvolvemento de habilidades de comunicación necesarias para unha resolución de conflitos non violenta; escoita activa, expresión de sentimentos e asertividade.











