A Deputación da Coruña financia unha nova edición do programa ‘Outra+Outra’ con 20.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá na sede da institución provincial un convenio de colaboración coa presidenta da Fundación Paideia Galiza, Sandra Ortega Mera, para a posta en marcha dunha nova edición, a novena, do programa Outra+Outra.

Esta actividade ten como obxectivo a promoción da actividade musical mediante o cofinanciamento dun programa de gravacións dirixido ás bandas, corais, grupos de cámara e agrupacións musicais da provincia que, por diferentes motivos, poden ter menos oportunidades para gravar e editar os seus traballos en estudos profesionais.  

O proxecto ten un orzamento total de 26.408 euros, dos que a institución provincial achegará o 75,73%%, asumindo así un custe de 20.000 euros. Con esta cantidade afrontaranse os gastos do persoal técnico-asistente de gravación, o persoal de loxística e administración, os gastos operativos e o deseño e creación do catálogo.

Segundo as bases do programa, a Fundación Paideia e a Deputación poñen a disposición dos seis grupos que resulten seleccionados no concurso as instalacións dos estudos de gravación Mans, onde se gravarán os CD. Posteriormente, editaranse e distribuiranse 1.000 copias. Ademais, gravarase tamén un CD compilatorio con temas dos seis grupos participantes no programa.  

O único requisito para tomar parte en Outra+Outra, cuxo prazo de presentación de maquetas está xa aberto, é estar incluído na Rede Cultural da Deputación deste ano ou, no seu defecto, comprometerse a súa inscrición para o ano que vén.

O acordo entre a Deputación da Coruña e a Fundación Paideia enmárcase dentro do obxectivo que ambas as dúas institucións comparten á hora de potenciar as iniciativas que axuden á promoción de actividades musicais e o fomento e desenvolvemento do sector da música.

Ata o momento celebráronse xa oito edicións, cun total de 97 grupos seleccionados, a maioría deles de estilo tradicional/popular, que suman 2.138 músicos.

Na actualidade ambas as dúas entidades comparten tamén a xestión do proxecto ‘Mans’, un Centro de Iniciativas Empresariais no Polígono de Pocomaco da Coruña, para potenciar a cultura empresarial innovadora, favorecendo actividades como a audiovisual ou a creación musical.

12 de novembro de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.