A Deputación colabora na conservación das pezas históricas do Centro Torrente Ballester de Ferrol
Diego Calvo destacou que, con esta mellora, “porase a punto un centro de importancia capital na actividade cultural da cidade e da comarca”.
O investimento provincial permitirá pór en marcha un proxecto que inclúe a recuperación da parcela posterior para uso público e da cuberta do patio central, a impermeabilización dos lucernarios e outras reparacións. Ademais, recuperaranse os antigos muros de peche das propiedades lindeiras, que se incorporan como pezas de mobiliario, axudando así a recuperar parte do carácter histórico da zona.
Para a mellora do pavimento utilizarase a pedra de Santiago con céspede na senda central, á vez que se instalarán bancos de pedra e pintarase a parede do edificio. Dentro desta mesma actuación, procederase á mellora da accesibilidade do recinto. O orzamento inclúe o desenvolvemento da rede de evacuación de augas pluviais da cuberta do edificio do centro e a limpeza dos muros e a súa reconstrución.
En canto á iluminación, utilizaranse pezas de pouco impacto, atendendo á procura dun plano correctamente iluminado, pero mantendo o carácter das diferentes zonas do edificio. Como complemento á iluminación pública disporanse luminarias nos muros. Para completar o proxecto cerrarase o acceso á parcela con dous portalóns de acabado forxa e realizarase o peche perimetral da parcela cun novo enreixado. Tamén se levará a cabo a limpeza da parte posterior do centro e o seu revestimento con pintura plástica exterior.











