A D.O. Monterrei estrea nova páxina web repartindo premios entre os seguidores de Facebook
Hoxe preséntase o novo espazo na rede da Denominación de Orixe Monterrei. A páxina www.domonterrei.com pretende ser o lugar de consulta para todos aqueles interesados en saber algo máis sobre esta nova denominación de orixe.
A nova web, ademais de recoller unha ampla información sobre a estrutura e características da D.O., dispón dun espazo destinado a cada unha das 23 adegas amparadas, unha ficha técnica onde tamén se poden consultar as marcas que se comercializan actualmente no mercado.
A web pretende ademais constituír unha nova ferramenta de traballo para o funcionamento interno da denominación. Na área privada, con acceso restrinxido aos produtores, pódense xestionar os procedementos cotiáns, axilizando así os tempos de tramitación co Consello Regulador.
www.domonterrei.com completa así a presenza da Denominación de Orixe na web, un portal de comunicación en interacción continua coa páxina facebook.com/domonterrei, onde o próximo luns, coincidindo co lanzamento da web, se realizará un concurso que repartirá regalos entre os seus seguidores.
Todos os contidos, noticias e novidades da D.O. Monterrei terán un espazo destacado neste portal, unha páxina que hoxe inicia o seu percorrido e que irá incorporando melloras día a día.











