A Coruña súmase aos actos conmemorativos do Día Nacional das Enfermidades Neuromusculares
O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá a II Gala Benéfica que organiza a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM) baixo o lema Compartimos a nosa forza.
Unímonos totalmente a esta mensaxe porque sabemos que a unión fai a forza e o mellor exemplo dánnolo, día a día, a infinidade de persoas que conforman o activo e dinámico tecido asociativo da cidade”, explicou Miguel Lorenzo, quen destacou o labor da asociación que apoia, informa e orienta a persoas afectadas por enfermidades neuromusculares e ás súas familias e que afecta a máis de 50.000 persoas en toda España e a unhas 4.000 en Galicia: “O traballo dos profesionais e voluntarios de ASEM contribúe, sen dúbida, á mellora da calidade de vida dos usuarios, xa que entidades como a vosa son as que mellor coñecen o día a día das persoas enfermas. Felicítovos, publicamente, polas iniciativas que levades a cabo”, sinalou.
Así, entre os servizos que ofrece ASEM Galicia destacan os de orientación laboral, apoio psicolóxico ou fisioterapia. Ademais tamén predominan accións nas áreas sanitaria, social e da terapia ocupacional; talleres; ou o programa VAVI, un proxecto dirixido a persoas cunha enfermidade neuromuscular que, nun momento do desenvolvemento da súa enfermidade, necesiten do apoio ou axuda dunha persoa para poder realizar determinadas actividades.
Neste sentido, o concelleiro destacou que a asociación sempre contará co respaldo do Goberno municipal e recordou que, durante este ano 2013, recibiu subvención para desenvolver as súas actividades de difusión e sensibilización, así como para o desenvolvemento do seu campamento para nenos, por valor de 2.000 euros. Ademais, a entidade ten a súa sede no Centro Asociativo García Sabell, un local municipal.
Miguel Lorenzo recordou a estreita colaboración existente entre o Concello e as entidades e institucións sociais da cidade. Un compromiso que queda patente no presuposto para 2014, no que a Concellaría de Servizos Sociais incrementa o investimento en convenios con respecto a este ano e nun 64,5% fronte a 2011, alcanzando unha cifra de 2.188.675 euros.
A gala terá lugar o próximo domingo, 17 de novembro, ás 17.00 horas no centro sociocultural Ágora. Dirixida por Anxo da Cruz, contará coas actuacións do coro Cantabile, a cantante Axia Romay, o mago Álvaro Muras, o grupo musical de Thais Pousada, o monologuista Javier Varela, e o grupo de danza do ventre de Marián Argüelles. Ademais entregarase o premio ASEM solidario. As entradas terán un custo de 5 euros e contarase cunha “fila 0” para aqueles que queiran realizar unha achega á asociación.











