A Coruña súmase á celebración do Día Internacional das Persoas sen Fogar recordando a importancia da atención inmediata
A Concellaría de Servizos Sociais informa sobre distintas actuacións en materia de inclusión social que leva a cabo o Concello, en coincidencia coa celebración do Día Internacional das persoas sen fogar, que se celebra mañá, domingo 24 de novembro.
A área que dirixe Miguel Lorenzo ten entre os seus grandes obxectivos o de deseñar programas de inclusión social dirixidos ás persoas que máis o necesitan e que son posibles grazas a un traballo en rede cos Servizos Sociais Básicos Comunitarios (SIVO), o Programa Municipal de Inclusión Social, as organizacións sociais, o contacto permanente co Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS) e o Programa Sen Teito de la Xunta -estes dous últimos están operados na cidade pola Cruz Vermella-.
Ademais, este compromiso materializouse en xuño coa apertura, en Monte Alto, do Servizo Municipal de Atención Inmediata a Persoas Sin Hogar, unha oficina situada na Unidade de Atención Social que xorde coa intención de atender e dar cobertura a aquelas persoas sen fogar que se encontran en situación de urxencia e que requiran da atención do equipo municipal de inclusión social que utilizará os recursos municipais e de entidades sociais que estean dispoñibles no momento da demanda. O obxectivo é ofrecer información e xestionar os recursos municipais e de entidades dispoñibles, así como dar resposta ás necesidades urxentes que presente ata a súa atención dende o programa SIVO.
A través deste servizo desenvólvense as seguintes accións:
– Atención ao público (de luns a xoves de 08.30 a 14.30 e de 16.30 a 19.00 horas e os venres de 08.30 a 14.30 horas). Non se necesita cita previa, as persoas poderán acudir por iniciativa propia ou derivadas doutros servizos da cidade, así como doutros centros ou unidades municipais.
– Recollida de información: recollerase información referida a persoas nas que poida observarse que se encontran pasando a noite na rúa, dentro do termo municipal.
– Atención no lugar de localización: cando as situacións así o requiran para establecer contacto, obter a información necesaria ou realizar a orientación oportuna, contactarase coa persoa en situacións externas.
MÁIS PROXECTOS
Esta nova iniciativa do Concello compleméntase con outros programas:
. Información, atención, apoio e seguimento para as persoas sen fogar.
. Actividades de coordinación e de colaboración con entidades prestadoras de servizos a persoas sen fogar. Trátase de crear unha rede municipal que permita xerar vías de cooperación que permitan ofrecer unha ampla capacidade de resposta na cidade ás persoas sen fogar.
. Xiras de atención. Un día á semana desenvólvese un percorrido a cidade para coñecer as distintas localizacións das persoas que pasan a noite na rúa e así ter un coñecemento actualizado sobre a situación que tamén busca establecer contacto con estar persoas e dispensarlles información sobre todas as alternativas.
. Dispositivo +calor. Atención na rúa que se leva a cabo nos días e datas nas que se dan condicións climatolóxicas adversas. Repártense mantas e bebidas quentes co obxectivo de previr os riscos para a saúde derivados da exposición a estas condicións. Ademais, ofrécense aloxamentos alternativos de urxencia.
Todas estas accións permiten contar cunha información totalmente actualizada das persoas que pasan a noite na rúa, o que facilita establecer cales son as accións concretas a levar a cabo. Para iso, a Concellaría de Servizos Sociais conta cun equipo de técnicos que realizan as intervencións e atencións necesarias, ademais da elaboración de estratexias, redacción de propostas, realización de rutas, ou acompañamentos persoais cara a recursos, servizos ou consultas.











