A Coruña será a primeira cidade galega en aprobar os presupostos do vindeiro ano
A Xunta de Goberno Local deu esta mañá o visto e prace ao Presuposto Municipal de 2014, que alcanza os 244,3 millóns de euros -275 millóns se se inclúe o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), Emalcsa e Emvsa-, o que supón un incremento do 2,6% con respecto a este ano. O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, destacou que as terceiras contas elaboradas polo Executivo de Carlos Negreira certifican o compromiso por impulsar programas e proxectos que xeren actividade económica a través do gasto social, do investimento nos barrios para mellorar a calidade de vida dos coruñeses e da dinamización e promoción da cidade. En concreto, tres de cada catro euros do presuposto, 188 millóns de euros, inciden directamente no emprego.
Por terceiro ano consecutivo, A Coruña será a primeira cidade galega en aprobar en tempo e forma os seus presupostos, o que garante que a partir do 1 de xaneiro de 2014 xa se poñerán todos os recursos municipais dispoñibles ao servizo dos cidadáns, tal e como establece a lexislación. Segundo indicou o tenente de alcalde, os presupostos do próximo exercicio aprobaranse de xeito inicial no pleno do 18 de novembro. “Por terceiro ano consecutivo tamén se conxelan os impostos e taxas municipais e nin sequera se aplican as subas do IPC, o que permitiu aforrar aos coruñeses máis de 10 millóns de euros neste mandato”, destacou Rosa Galego.
O tenente de alcalde explicou que para a elaboración dos presupostos de 2014 o Goberno municipal traballou con planificación e coordinación, priorizando os investimentos que máis importan aos coruñeses para fomentar políticas activas de emprego. Así, as accións de goberno céntranse en tres grandes áreas de actuación para consolidar A Coruña como motor económico de Galicia:
– Gasto social -70 millóns de euros
– Investimento en barrios -105 millóns de euros
– Dinamización e promoción -13 millóns de euros
“Son uns presupostos feitos coa cabeza, pensando e priorizando en que vai gastar cada euro; uns presupostos feitos co corazón, pensando nas necesidades reais das familias coruñesas. Porque o noso obxectivo é construír entre todos a sociedade que queremos”, afirmou Rosa Galego tras a Xunta de Goberno Local.
SERVIZOS SOCIAIS
Rosa Galego destacou que, ao esforzo económico municipal para promover máis accións que inciden na creación de emprego, se suma unha vez máis a vontade do actual goberno de axudar ás familias con menos recursos. Neste sentido, destes 70 millóns de euros repartidos para gasto social, 15,57 millóns de euros corresponden directamente á Concellaría de Servizos Sociais, o presuposto máis alto co que contou este departamento municipal. É un 1,7% máis con respecto a este ano e un incremento do 20% fronte ás contas de 2011, as últimas elaboradas polo bipartito.
A concelleira citou como exemplos do compromiso co gasto social os dous novos centros cívicos que se proxectan (Boandanza e o centro Salvador de Madariaga no Casco Histórico) e a cesión gratuíta dun inmoble en Pedralonga para a Asociación Down Coruña e que contará cunha zona dedicada a uso veciñal.
O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública lamentou que o presuposto para programas sociais podería ser maior se non houbese que cumprir sentenzas xudiciais causadas por erros urbanísticos cometidos por gobernos anteriores. Para este capítulo, o Concello coruñés dispón o próximo ano de 3,8 millóns de euros, dos que a maior parte son para Someso, con outro millón de euros, e para a avenida da Universidade, con 1,6 millóns.
ESFORZO INVESTIDOR
Nos presupostos de 2014, o Concello recolle entre todas as áreas de goberno 105 millóns de euros para investir nos barrios e modernizar os espazos públicos da cidade. Froito do clima de diálogo e de colaboración institucional impulsado polo alcalde, Carlos Negreira, entre Estado, Xunta e Concello son máis de 300 millóns de euros en investimentos para A Coruña.
Só entre os capítulos 6 (investimentos) e 7 (transferencias de capital), o Concello dispón de 37,8 millóns de euros, o que supón un incremento do 2% con respecto a este ano. Estas actuacións compleméntanse con outras que xa se están a desenvolver, como o polideportivo e o Plan Conecta Castrillón
(8 millóns de euros) e os aparcadoiros subterráneos Das conchiñas
(2,2 millóns) e do Hospital Materno Infantil (3,5 millóns de euros).
INGRESOS
O Goberno municipal conxela os impostos en 2014 por terceiro ano consecutivo, sen nin sequera aplicar a suba do IPC. Esta medida de apoio aos coruñeses complétase cunha previsión realista de ingresos, que para o próximo exercicio aumentan grazas á participación nos ingresos do Estado, con ao redor de 1 millón de euros máis, e a que os ingresos do IBI soben en 5,5 millóns, malia conxelar os impostos, porque se producen novas altas en padróns e polos novos tipos aplicables a grandes hoteis, grandes superficies comerciais e grandes aparcadoiros. “Todo malia conxelar os impostos e contar co IBI máis baixo de España cun coeficiente do 0,6% o mínimo legal, fronte ao 0,884% que se aplica, por exemplo, en Vigo, e que de aplicarse aquí, supoñería 25 millóns de euros máis de ingresos, explicou.
Rosa Galego explicou cales son as principais fontes de financiamento do Concello para o próximo ano:
. Recursos tributarios, impostos directos, indirectos e taxas e outros ingresos, que alcanzan os 156,8 millóns. Neste capítulo, o tenente de alcalde destacou o grao de concienciación e a responsabilidade dos coruñeses coas súas obrigas tributarias, pois máis do 80% paga os seus impostos no prazo de período voluntario.
. As transferencias de capital – 1,5 millóns de euros.
. A participación en ingresos de Estado e Xunta – 76 millóns de euros.
ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA E INNOVACIÓN
O tenente de alcalde asegurou que, aos 9 millóns de euros previstos por Emalcsa para proxectos de Smart City para o próximo ano, o actual equipo de goberno segue adiante co seu compromiso de modernizar a administración, para ofrecer unha xestión máis eficaz e unha mellor atención aos cidadáns.
Tras a posta en marcha de novas ferramentas como o Rexistro Central de Facturas e da Firma Electrónica, o Goberno local segue adiante coa súa aposta polas novas tecnoloxías e por achegar a administración aos coruñeses, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros para a área de Planificación e Administración Electrónica, o que permitirá recortar o tempo de pagamento a provedores e de tramitación de expedientes aos cidadáns. Así, entre os principais investimentos para este departamento encóntranse:
. 400.000 euros para mellorar a aplicación da xestión tributaria.
. 400.000 euros para a renovación de ordenadores.
. 200.000 euros para a renovación da Tarxeta Millennium.
. 200.000 euros para melloras no portal web do Concello.











