A Coruña adxudica as obras para a construción da Escola Infantil do Agra del Orzán
O Concello da Coruña, a través da área de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa da adxudicación das obras para a construción da Escola Infantil Municipal do Agra del Orzán, na parcela do CEIP Raquel Camacho, un proxecto que confirma o compromiso do Goberno local co sistema educativo.
As obras terán un prazo de execución de 10 meses e adxudicáronse, tras a presentación de 29 ofertas, por un importe de 738.221 euros, o que supón unha rebaixa do 28% con respecto ao presuposto de licitación que superaba o millón de euros. O proxecto enmárcase dentro do Plan Urbana C, un proxecto integral de rexeneración urbana do Agra del Orzán que conta co financiamento de fondos europeos.
A construción da escola infantil do Agra supón desbloquear un proxecto que levaba tempo paralizado pola incapacidade do anterior bipartito, e ofrecerá un servizo básico tanto para a educación e socialización dos nenos e nenas coma para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Con este novo centro, os menores do Agra del Orzán terán a oportunidade de acceder, nun mesmo ámbito, ao ensino dende os 0 aos 18 anos, xa que no mesmo lugar se encontra o CEIP Raquel Camacho e o IES Agra I.
A escola infantil terá unha edificabilidade total de 1.356 metros cadrados e estará composta por tres corpos graduados: un de planta baixa con fronte á rúa Antonio Pedreira Ríos; soto, planta baixa e primeira planta cara á rúa Alcalde Liaño Flores; e planta baixa e primeira planta interior. Dispoñerá dun total de 6 aulas para 94 alumnos, espazo de usos múltiples de 230 metros cadrados, e un patio exterior de xogos con pavimento de caucho e zona de xardín. Ademais, está previsto reservar 12 prazas de aparcadoiro, unha delas adaptada. Este novo equipamento súmase ás sete escolas infantís municipais actuais e á que tamén está prevista para 2014 en Padre Rubinos.











