A Coruña acolle as III Xornadas Nacionais do Deporte en Idade Escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Durante a inauguración na Coruña, das III Xornadas Nacionais do Deporte en Idade Escolar, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou a aposta da Xunta de Galicia por facilitar a práctica da actividade física entre os escolares como unha ferramenta fundamental para a súa formación como individuos e avogou por facer esforzos para que “os nosos escolares adquiran hábitos da vida activa e saudable” para mantelos despois na idade adulta.

Segundo explicou Lete Lasa, a ese obxectivo responden os tres programas cos que o Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia fomenta o deporte entre escolares, que se diferencian en metodoloxía, intencionalidade e nivel educativo. Os proxectos ‘Xogade’, o ‘Máis e mellor actividade física’ e o ‘Proxecto Deportivo de Centro’ queren fomentar a práctica da actividade física como medio para o desenvolvemento físico e intelectual dos rapaces.

Trátase, sinalou, de ofrecer aos escolares galegos as oportunidades adecuadas, a práctica deportiva e o xogo, as actividades recreativas e o esparexemento, xa recollidas na Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989.

O secretario xeral para o Deporte reivindicou o xogo deportivo como recurso para o tempo activo e autónomo do tempo de ocio, así como xerador de valores sociais e persoais positivos que, “formulados baixo un deseño pedagóxico axeitado, e grazas á súa práctica grupal e individual, contribúen indiscutiblemente á formación integral da persoa”.

13 de novembro de 2013 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.