A compañía Manicómicos representa “Aparente-Mente” en Carral
A Concellería de Cultura do Concello de Carral continúa mañá sábado, desenvolvendo o seu ciclo de teatro. Manicómicos presenta no local Xente Nova de Tabeaio, ás 20:30 h, a súa produción “APARENTE-MENTE” (para maiores de 12 anos). A entrada é libre e o aforo limitado.
APARENTE-MENTE é un espectáculo de creación colectiva froito do traballo desenvolvido durante o curso 2010-11, polo grupo de Creación Escénica do programa de Formación Teatral da A.C. Manicómicos da Coruña, cun elenco que mestura artistas de diferentes disciplinas e niveis de experiencia, baixo a dirección de Carlos Sante e Gonçalo Guerreiro.
APARENTE-MENTE trata o tema tan actual na sociedade moderna das apariencias, do que amosamos na nosa capa social externa que ás veces oculta o noso verdadeiro ser. Que hai baixo a variedade de máscaras que nos poñemos cada días das nosas vidas para estar aquí ou acolá? Como aprendemos a xestionar o seu uso segundo a situación social na que nos desenvolvemos? Que deixamos de dicir cando non nos atrevemos a facelo? Que imaxe ofrecemos de nós mesmos ante un mundo que xa por si mesmo non sabe vivir sen elas?
O ciclo continuará a vindeira semana con Teatro do Andamio e asúa obra ¡¡¡Miau!!! Para nenos e nenas de 1 a 4 anos, e en decembro coas compañías A Fiestra e Poéticas Urbanas.











